A Xunta continúa co proceso de expurgo e retira 1.600 caixas de expedientes dos xulgados de Vigo
A Xunta iniciou onte a retirada de 1.584 caixas de documentación xudicial para trasladalas ao Arquivo Xudicial Territorial situado no edificio administrativo de Pontevedra. En concreto, entre onte e mañá, mércores, trasladaranse 798 caixas do xulgado de Instrución número 5 de Vigo e 786 dos xulgados do social.
Hai que ter en conta que a Xunta leva trasladadas máis de 13.000 caixas ao depósito habilitado no Edificio administrativo de Campolongo para actuacións relacionadas coa organización dos arquivos xudiciais e o expurgo, ás que agora se suman estas preto de 1.600 novas caixas.
A documentación permanecerá gardada neste depósito á espera de que a Xunta de Expurgo determine a súa eliminación definitiva ou a conservación naqueles casos nos que esteamos a falar de documentos con interese histórico.
A Dirección Xeral de Xustiza está levando a cabo diversas iniciativas para desconxestionar os arquivos xudiciais. Entre estas actuacións destaca a habilitación deste local en Pontevedra, no edificio da Delegación Territorial da Xunta, en Campolongo, que conta con preto de 500 metros cadrados e unha capacidade para unhas 25.000 caixas de expedientes.
Pontevedra, a provincia máis avanzada
O proceso de expurgo é unha firme aposta do actual Goberno e que se está a levar a cabo de xeito progresivo en toda Galicia, sendo a provincia de Pontevedra un dos sitios onde vai máis avanzado.
Trátase dun proceso complexo e laborioso que non sería posible sen a colaboración dos distintos axentes xudiciais, especialmente dos funcionarios dos distintos xulgados que teñen realizado o traballo previo de gravame dos expedientes.
Entre as súas vantaxes, destacan as de gañar un espazo moi necesario nos saturados edificios xudiciais, mellorar o arquivo dos documentos e salvagardar o patrimonio galego recuperando expedientes históricos de grande interese.











