publicidade hoxe

A Xunta continúa a distribuír material para a loita fronte a vespa velutina en Boimorto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoimorto
A-
A+
Belén do Campo no Concello de Boimorto

Belén do Campo no Concello de Boimorto

A directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, entregou esta mañá unha pértega ao concello coruñés de Boimorto, destinada á loita fronte a Vespa velutina. Este xoves fará entrega doutra pértega ao concello pontevedrés de Marín, completando así a última entrega de material destinado á loita contra este insecto invasor.

A Consellería do Medio Rural distribuíu durante a última semana 10 pértegas que alcanzan os 30 metros de altura, destinadas a diferentes concellos e asociacións que colaboran no Plan de vixilancia e control da Vespa velutina en Galicia. Deste xeito, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez reafirma o seu compromiso na loita fronte este insecto invasor, contribuíndo a minimizar os seus efectos negativos sobre a produción apícola e a seguridade das persoas.

As pértegas cedidas esta semana foron entregadas aos concellos de Vicedo, en Lugo; Boimorto, Carral, Coristanco e Ribeira, na Coruña; A Cañiza, Caldas de Reis, Cambados e Marín, en Pontevedra. Do mesmo xeito, foi entregada outra pértega á Agrupación Apícola de Galicia, que tamén colabora no plan a través das actuacións de diversos apicultores, complementando a cedida en semanas pasadas á Asociación Galega de Apicultura.

Coa dotación realizada esta semana, son xa 55 as pértegas cedidas pola Xunta de Galicia para abordar a retirada de niños a gran altura, a Grupos de Emerxencia Supramunicipal, a concellos colaboradores no plan de control e ás asociacións apícolas.

Pola súa banda, a Vicepresidencia da Xunta entregou nestas últimas semanas traxes de protección individual aos concellos de Miño, Bueu e Caldas de Reis, que deste xeito se incorporan tamén ao operativo como colaboradores. Trala incorporación destes concellos, o número total de municipios colaboradores no plan é de 93: na Coruña son 39, 15 en Lugo, 17 en Ourense e 22 en Pontevedra.

Niños retirados

No que vai de 2016 xa se recibiron por parte dos cidadáns un total de 12.480 avisos en relación coa posible existencia de niños desta especie invasora. Como consecuencia destes avisos, foron xa retirados ou neutralizados un total de 5.323 niños por parte das diferentes unidades integradas no operativo de loita contra a vespa velutina.

17 de outubro de 2016 | 16:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.