publicidade hoxe

A Xunta autoriza a utilización dun mesmo vehículo para a prestación dos servizos de transporte público entre Porzomillos e Mesón do Vento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAbegondo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de autorizar a prestación dos servizos de transporte público con solapamento no itinerario entre Mesón do Vento, Betanzos e Porzomillos, o que significa que un mesmo autobús atendería a liña completa.

Con esta autorización dáse cumprimento a unha solicitude realizada polo Concello de Abegondo co obxectivo de mellorar a mobilidade dos veciños desta área. Así, a Dirección Xeral de Mobilidade autorizou nos contratos de xestión de servizo público de transporte regular de viaxeiros, do que son titulares as empresas Autos Vázquez, S.L e Castromil, S.A, a realización dun solapamento.

Este solape comprendería o itinerario desde Porzomillos ata Mesón do Vento, coas seguintes paradas: Porzomillos, Bendrade, Cuíña, Callobre, Serra, Cines, Quintela, Salto, Castiñeiro, Oza dos Ríos, Porzomillos, Betanzos, Montellos, Guiliade, Mabegondo, Abengondo, Montouto e As Travesas.

O calendario é o proposto polas empresas solicitantes, de luns a venres, cunha expedición de ida, con saída de Mesón do Vento ás 10:50 horas e chegada a Porzomillos ás 11:50 horas; e unha expedición de volta, con saída de Porzomillos ás 10:40 horas e chegada a Mesón do Vento ás 11:40 horas.

Este solapamento permite a utilización dun mesmo vehículo na explotación conxunta dos tráficos destes dous contratos de xestión no itinerario sinalado e outórgase por un prazo de tres anos prorrogables ata un máximo de seis.

13 de outubro de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.