publicidade hoxe

A Xunta aposta en Arteixo polas lanzadeiras de emprego para fomentar o emprendemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixo
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe no obradoiro Novas perspectivas do mercado laboral, unha actividade que forma parte da Lanzadeira de Emprego de Arteixo coa que se facilita o acceso e retorno ao mundo laboral das persoas sen emprego e está impulsada pola Fundación Santa María La Real, Fundación Telefónica e a Xunta de Galicia.

Toca apostou na súa intervención por este tipo de actuacións, que tamén se desenvolve coa colaboración do Goberno galego en Lugo, Marín, Redondela e Santiago, para incrementar as oportunidades laborais das persoas que buscan un traballo e fomentar o emprendemento, ao tempo que salientou que contribúen a fixar poboación no rural.

A secretaria xeral de Emprego indicou que un dos obxectivos prioritarios da Xunta é reducir os niveis de desemprego e mellorar a calidade no emprego dos galegos e galegas, facilitando o acceso e retorno ao mundo laboral, especialmente en aqueles colectivos con maiores dificultades de inserción.

Para iso, explicou que a Xunta conta coa Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta a través da que en Galicia se fomenta a formación, a capacitación e a especialización co obxectivo de impulsar o emprego estable e de calidade, reducir a taxa de paro ata o 10% en 2020, xerar 100.000 novos empregos e crear ou converter 50.000 contratos en indefinidos.

Para acadar estes retos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten en marcha diversas iniciativas, entre as que Toca destacou, ademais das cinco Lanzadeiras de Emprego, os Programas Integrados de Emprego cos que se ofrece aos seus participantes unha cualificación adaptada á demanda do mercado laboral, mellorando a súa inserción laboral. Sinalou que a través desta actuación elabóranse itinerarios individualizados para as persoas demandantes, que inclúen información, orientación, formación e asesoramento, ademais de técnicas para a busca de emprego e fortalecemento das habilidades sociais coa finalidade de completar un perfil axeitado para o acceso ao mercado de traballo.

A secretaria xeral de Emprego recordou que este ano puxéronse en marcha en Galicia un total de 28 Programas Integrados de Emprego que, cun orzamento de case 3 millóns de euros, teñen previsto beneficiar a preto de 1.700 persoas.

A estes plans súmanse os obradoiros de emprego, centrados na realización de obras ou na prestación de servizos de interese xeral e social. Cunha duración de 6 meses, cada obradoiro alterna formación e práctica profesional co obxectivo de fomentar o emprendemento e de mellorar a aprendizaxe, a cualificación e adquisición de experiencia profesional.

Unidades de Formación

Así mesmo, Toca puxo en valor as Unidades de Formación na Empresa coas que a Xunta apoia o cen por cento dos custes de formación das empresas que se comprometan a contratar a un mínimo do 70% dos alumnos e alumnas. Esta acción do Goberno galego conta cun orzamento de 3 millóns de euros que permitirá beneficiar a 900 persoas sen emprego a través da posta en marcha de 70 Unidades Formativas. Toca destacou que a través deste programa estase a dar prioridade á Industria 4.0 e aos sectores estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3).

A Axenda 20 para o Emprego tamén inclúe outro tipo de ferramentas para facilitar a inserción laboral dos galegos e galegas como é un programa que Economía, Emprego e Industria está a desenvolver conxuntamente con Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dirixido especificamente ao alumnado de Formación Profesional.

Esta iniciativa, que se encadra no Sistema de Garantía Xuvenil, permite aos alumnos e alumnas obter un contrato de traballo na mesma empresa na que desenvolvan as súas prácticas, incorporándose, tal e como apuntou Toca, ao mercado de traballo nada máis obter o título. As empresas, pola súa banda, benefícianse de incorporar a persoas cualificadas que superaron un período de formación previo. A Xunta apoia a contratación destas persoas con contías que, segundo a modalidade do contrato, pode alcanzar os 8.200 euros.

A Lanzadeira de Arteixo

Esta iniciativa de Arteixo, ao igual que as que se están a realizar en Lugo, Marín, Redondela e Santiago, conta con 25 participantes con diferentes perfís formativos e profesionais. Hai alumnos que apenas teñen experiencia e buscan o seu primeiro emprego e outros que traballaron con anterioridade en sectores de actividade moi diferentes.

Durante as primeiras semanas, os participantes levaron a cabo sesións de intelixencia emocional e autocoñecemento; talleres de comunicación, entrenamento de entrevistas e actividades de construción de equipo ou team building. A partir de agora, o reto que teñen por diante durante os próximos meses é reforzar as súas habilidades e competencias; impulsar a súa marca persoal para diferenciarse nun mercado laboral global e promocionarse como mellores profesionais. Para iso, están inmersos na elaboración de mapas de empregabilidade, no calendario de visitas a empresas e procesos de intermediación laboral con responsables de Recursos Humanos. Todo elo, para conseguir a súa inserción laboral.

18 de outubro de 2016 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.