A Xunta apoia a divulgación científica a través do programa Iniciativa Xove

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou hoxe na apertura da xornada Primeiros Pasos na Ciencia, que tivo lugar na Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC en Lugo, e á que asistiron mozos e mozas investigadores ou interesados na ciencia co fin de contribuír á divulgación científica ao conxunto da sociedade.

O promotor da iniciativa é o grupo informal Divulgación Científica, formado por sete xoves investigadores que están a realizar o doutoramento en diversas áreas.

Durante a xornada expuxéronse traballos científicos en ciencias da saúde, experimentais, tecnoloxía, ciencias sociais e humanidades, previa revisión por un comité científico, co obxectivo último de promover a divulgación científica entre os xoves investigadores que queiran dar os seus primeiros pasos na ciencia.

A directora xeral destacou a proxección no ámbito universitario do programa Iniciativa Xove, que se concibe como instrumento para que os mozos e mozas poñan en práctica as súas ideas e proxectos en distintas áreas de interese, favorecendo a adquisición de competencias e habilidades altamente valoradas polos empregadores de hoxe en día. Así o ratifica o estudo “Os programas de educación non formal e empregabilidade da xuventude en Galicia” realizado pola USC a través dun convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e a través do cal queda refrendada a efectividade de programas de educación non formal deseñados e activados na Comunidade Autónoma de Galicia durante os últimos anos, xa que “os datos amosan que a situación laboral de boa parte dos mozos e mozas participantes mudou logo de participar e implicarse nalgún dos programas”. “Queda amplamente confirmado que os programas de xuventude implementados desde a Consellería de Política Social funcionan”, dixo Cecilia Vázquez.

Ademais, sinalou que as experiencias, competencias e habilidades adquiridas mediante o desenvolvemento dos proxectos contarán cunha certificación oficial expedida pola Xunta. Galicia é a primeira comunidade autónoma que certifica as competencias adquiridas coa participación en programas de educación non formal.

Así mesmo, con posterioridade á intervención da directora xeral, tivo lugar unha charla a cargo de Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto internacional en xenética, quen alentou aos mozos e mozas presentes na xornada a buscar a excelencia no ámbito profesional a través do traballo e esforzo diario.

A Consellería de Política Social destinou preto de 550.000 euros do orzamento da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a financiar un total de 122 proxectos promovidos por entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas a través do programa Iniciativa Xove, no que se enmarca esta xornada.

7 de outubro de 2016 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.