publicidade hoxe

A senda entre Vidán e o centro de Santiago estará rematada a próxima primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBriónLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que “a próxima primavera os veciños de Vidán e Laraño disporán dun itinerario sostible e seguro que lles permitirá realizar os seus desprazamentos a pé entre estes núcleos de poboación e o centro de Santiago”. Así o manifestou durante a visita que esta mañá realizou ás obras deste novo itinerario peonil que se constrúe mentres se pechan os proxectos que o prolongarán ata Brión.

A conselleira en funcións detallou que se trata da construción dunha senda que parte da glorieta que une a estrada AC-543 (Santiago-Noia) coa avenida da Mestra Vitoria Míguez e a rúa Ponte Vella, e discorre paralela á marxe dereita da vía autonómica ao longo de 2 quilómetros, ademais de 2 treitos pola marxe esquerda, para finalizar na glorieta de Laraño.

O obxectivo, remarcou Ethel Vázquez, é “reforzar a seguridade dos viandantes nun treito onde existen numerosas vivendas e negocios, que xeran un elevado tránsito de peóns, que actualmente deben empregar a beiravía para os seus desprazamentos”.

Subliñou que “con esta actuación, os veciños poderán desfrutar de desprazamentos a pé de xeito seguro e accesible, ao tempo que melloramos a seguridade de todos os usuarios da vía e fomentamos unha mobilidade alternativa, máis respectuosa co medio”.

Segundo indicou, os traballos comezaron en agosto e teñen un prazo de execución de seis meses, rexistrándose unha axilización no ritmo das obras desde que a mediados do pasado setembro se aboaron os depósitos previos á ocupación das 16 fincas afectadas pola execución da senda.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda en funcións está a investir case 625.000 euros na construción deste itinerario peonil, que forma parte do Plan de Sendas de Galicia, que na súa primeira fase prevé para a comarca de Compostela a execución de 9 sendas, 15,6 quilómetros e un investimento de 2,6 millóns de euros.

Entre eses proxectos están os das sendas que permitirán completar o percorrido entre a capital de Galicia e Brión, aproveitando os treitos xa existentes, sen necesidade de utilizar o vehículo a través de sendas e beirarrúas. En concreto, a conselleira de Infraestruturas en funcións explicou que se acometerán tres itinerarios máis nesta estrada, concretamente a senda A Barcia-Roxos, cuxo proxecto está en redacción e será entregado neste mes para a súa supervisión; a de Roxos-Aldea Nova (en Santiago e Ames), co proxecto entregado, en fase de supervisión; e a senda entre Aldea Buio e a urbanización Monte Devesa (en Brión), tamén co proxecto xa en supervisión.

“Os proxectos xa están avanzados, o que permitirá iniciar a tramitación das obras no primeiro trimestre do ano, comezando pola expropiación dos terreos nos casos onde sexa necesario”, explicou. Isto permitirá reforzar a seguridade viaria coa construción de itinerarios peonís e ciclistas máis seguros e tamén con traballos de reforzo de firme para manter as nosas estradas nas mellores condicións.

4 de outubro de 2016 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.