A nova Lei do solo desbloquea a modificación puntual do PXOU de Pontevedra
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio trasladou esta mañá ao concello de Pontevedra o informe favorable previo a aprobación definitiva da Modificación puntual do PXOU no sector de solo urbanizable A-1.2, no lugar do Vao, na Parroquia de Campañó.
O informe favorable emitido pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo é preceptivo e vinculante, correspondéndolle a aprobación definitiva da Modificación puntual ao Pleno Municipal.
Co fin de dotar dunha maior competencia aos concellos que teñen máis medios, a entrada en vigor da Lei 2/2016 do Solo de Galicia (artigo 61) supuxo que nos concellos de máis de 50.000 habitantes a aprobación definitiva dos PXOM e dos seus instrumentos de planeamento sexa competencia do máximo órgano municipal.
É preciso recordar que esta modificación puntual foi obxecto dunha Orde de Non Aprobación en xullo do ano pasado debido a cuestións como o incumprimento artigo 47.2 da extinguida LOUG, que obrigaba a computar o 10% correspondente das cesións públicas de zonas verdes dentro do ámbito, xa que as dotacións de solo urbanizable non poden situarse en solo rústico, ou a imposibilidade de reducir o rústico de protección de costas por debaixo dos 100 metros.
O xiro da nova Lei 2/2016 do Solo de Galicia para promover a actividade económica nas áreas empresariais, establecendo que as cesións sexan fixadas no Plan Parcial a través das características da actuación e as súas necesidades reais, xunto coas correccións doutras cuestións como o impacto paisaxístico da fachada do ámbito cara a autopista -todas elas reconducidas en reunións técnicas mantidas no seo da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo- motivaron a luz verde ao proxecto.
En total a delimitación abrangue unha superficie de 42.423,11m2, dos cales se clasifican como solo urbanizable 29.780,19m2 e como solo rústico de protección de costas e de protección de infraestruturas 12.642,92m2, situados entre o sector e a Xunqueira da Alba e a autoestrada AP-9, respectivamente. Á súa vez o solo urbanizable divídese en dous polígonos: polígono A de 24.138,16m2 e polígono B de 5.642,03m2, cunha ordenación detallada de uso mixto comercial-industrial.
De conformidade coa DT1.ª.2.d) da LSG, en relación co art. 34.2.d), o planeamento clasificará como solo rústico de protección de costas os terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano que se atopen dentro da servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, establecida pola lexislación de sectorial estatal en materia de costas, e os delimitados como áreas de protección costeira no Plan de Ordenación do Litoral.











