A mostra ‘A fronteira infinda’ expón en Santiago unhas 40 obras de artistas galegos na emigración e o exilio
‘A fronteira infinda’, o título dun libro de relatos de Celso Emilio Ferreiro sobre a emigración, dá nome a unha exposición que, da man de Abanca, chega a Santiago para mostrar 44 obras realizadas por artistas galegos fóra das nosas fronteiras.
Emigrantes e exiliados como Castelao, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo, Laxeiro, Maruja Mallo, Manuel Colmeiro e os irmáns Granell (Mario e Eugenio) enlazan cunha segunda xeración na que destacan José María de Labra, Manuel Mampaso, Luis Caruncho e Leopoldo Novoa.
Así, a mostra percorre a arte de preto dunha vintena de creadores galegos de boa parte do século XX e permite descubrir a influencia en todos eles do fenómeno migratorio e o exilio, maioritariamente a terras americanas nos primeiros casos e cara a Madrid, París e Nova York no caso das xeracións formadas na posguerra.
Esta exposición que acolle o edificio de Abanca na compostelana Praza de Cervantes comeza con tres ilustracións de Castelao sobre a emigración dos galegos a principios do século XX e enlaza con obras dos que abandonaron a súa terra tras a Guerra Civil.
A “ausencia” por unha parte, e a “presenza” do novo continente por outra, marcan as creacións desa primeira xeración. Así, se combina a “temática americana” que están a coñecer coa “saudade” expresada nas paisaxes.
Neste sentido, en declaracións aos medios, o comisario da mostra, Carlos L. Bernárdez, destacou que Maruja Mallo superou “os prexuízos raciais” durante o seu exilio no país austral e aludiu a un lenzo de Colmeiro para revelar que o retrato é de Mireya, sobriña do célebre escritor rianxeiro Rafael Dieste.
En canto á seguinte xeración, a súa emigración está máis relacionada cos centros da cultura dominante e, así, garda máis relación coa súa aprendizaxe e o seu desenvolvemento como artistas no contexto da España -a Galicia- de posguerra.
43 CADROS E UNHA ESCULTURA
A exposición que alberga o Centro Abanca Obra Social componse de 43 cadros e unha escultura, de Eugenio Fernández Granell.
Todas estas obras forman parte dos fondos de Abanca e Afundación, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC).











