A Deputación de Pontevedra destina 100.000 euros para impulsar a calidade turística nas Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a adxudicación do procedemento aberto convocado para a contratación do servizo de implantación e desenvolvemento do SICTED nas Rías Baixas. A través deste contrato, adxudicado á empresa Auren Consultores por un importe de 100.000 €, a institución provincial pretende sumar 30 novas empresas máis acreditadas co distintivo SICTED.

O pasado 20 de maio se acordaba aprobar en Xunta de Goberno o expediente para a contratación do servizo de implantación e desenvolvemento do SICTED nas Rías Baixas ó que se presentaron tres empresas. Auren Consultores resultou ser a que mellor se axusta ós criterios establecidos pola institución provincial para a implantación e desenvolvemento do sistema integral de calidade turística española en destinos.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, subliñou que “o goberno da Deputación de Pontevedra ten entre os seus eixos de traballo o impulso do sector turístico, ó ser este un dos principais motores económicos da provincia. Por tal motivo, e co obxectivo de mellorar e promover a imaxe turística do destino Rías Baixas é fundamental a implantación, seguimento e impulso da calidade turística”. Amais, Silva engadiu que “a través do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos levarase a cabo formación de persoal en materia de calidade, dotando de ferramentas ós establecementos turísticos para unha mellora continua na xestión da calidade”.

A día de hoxe 220 empresas turísticas da provincia de Pontevedra acadaron xa o distintivo de calidade do SICTED. A Deputación de Pontevedra, a través deste novo contrato, pretende sumar outras 30 empresas máis para superar as 250 acreditadas.

10 de outubro de 2016 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.