A Deputación da Coruña apoia con setecentos mil euros festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas
A área de Cultura da Deputación da Coruña apoia con 680.640,58 euros os festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas organizado por concellos e entidades sen ánimo de lucro. Con esta nova convocatoria a Deputación convértese na institución que máis orzamento destina á celebración de festivais na provincia. Para a responsábel da área, Goretti Sanmartín, a liña busca darlle estabilidade aos festivais e promocionar a cultura galega.
Con dúas modalidades, unha destinada a concellos e entidades locais e outra a entidades sen ánimo de lucro, a Deputación fai pública a resolución da primeira convocatoria na que concede 680.640,58 euros aos festivais celebrados no territorio da Coruña.
Un total de doce festivais repártense os 297.739,34 € destinados a concellos, entre os que se atopan o Festival de Ortigueira con 100.000 €, Curtocircuito de Santiago con 84.957, 50 €, o Festival Carballo Interplay con 27.210,23 € ou o Asalto do Castelo de Vimianzo con 14.275, 70 €, como se recolle no BOP deste luns día 10 de outubro. Ademais, a Deputación apoia con esta convocatoria outros eventos organizados por concellos como o Festival Vai de Rúa de Betanzos, a Mostra de Teatro Galego de Cariño, o Festival Noite de Bolos de Neda, o Festival Internacional de Arpa “Vila de Noia”, o Festival Desordes Sonoras de Ordes, o Rock Rois Arrasa, o Chanfaina Lab ou a Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil de Narón.
Para os festivais organizados por entidades sen fins de lucro, a área de Cultura da Deputación da Coruña destina 382,847,24 € que irán parara a 22 eventos de música, cine ou artes escénicas entre os que se atopan a Festa da Carballeira de Zas, o Fene Rock Festival, o Feito a Man de Santiago, o Festival de Música da Festa da Dorna, a Festa Folk na Fin do Camiño, o Festival Irmandiño de Moeche, o Festival Grelo Folc, o Festival Sereas e Piratas, o Festival de Teatro Amador EstéNarúa, Sea Sons Festival, De repente en Compostela, Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), Titiriberia, o Festival de Cinema Fantástico da Coruña, a Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, o Festigal ou o Festival V de Valadés, entre outros.
Con esta nova convocatoria, a área de Cultura da Deputación da Coruña, da que é responsábel Goretti Sanmartín, pretende, reforzar a capacidade organizativa e a estabilidade dos festivais, impulsar a presenza e a difusión de creación galega nos seus programas. “Esta liña marca un antes e un despois no apoio público aos festivais artísticos. Apostamos por unha nova convocatoria cunha ampla dotación económica e de concorrencia competitiva, rexéndose por criterios obxectivos”, sinalou Goretti Sanmartín.











