A Deputación da Coruña apoia a creación dos premios de investigación no audiovisual “María Luz Morales”
A área de Cultura da Deputación da Coruña colaborará na creación dos Premios á Investigación María Luz Morales, da Academia Galega do Audiovisual, creados para recoñecer e promover a investigación e difusión cultural sobre o mundo audiovisual.
Os premios á Investigación María Luz Morales contarán co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña. Así se decidiu nunha xuntanza en que participaron a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín e o asesor Xavier Campos, pola Deputación da Coruña e o presidente Carlos Ares, a xerente Marisela Lens e Tamara Canosa, membro da directiva, pola Academia Galega do Audiovisual.
Os novos premios que promoverán a investigación no mundo do audiovisutal toman o nome da escritora, xornalista, crítica cinematográfica e colaboradora de proxectos cinematográficos nacida na Coruña en 1898.
“Co nome de María Luz Morales quérese recoñecer o labor desta galega pioneira na crítica cinematográfica española e figura destacada na defensa do galeguismo e dos dereitos das mulleres”, sinalan desde a Academia Galega do Audiovisual.
O premio contará con dúas categorías, unha destinada a ensaios e outra a videoensaio para traballos en formato audiovisual.
Desde a Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín aplaudiu a creación do premio e destacou “que estes novos premios, do audiovisual, leven o nome dunha muller que se adiantou no ámbito da crítica cinematográfica, entre outros, e que cómpre reivindicar para a nosa historia cultural”.











