A Deputación da Coruña aplicará controis de calidade nas obras que contrata na rede provincial de estradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Deputación da Coruña vén de licitar os servizos de control de calidade das obras que contrata na rede provincial de estradas. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación, por importe global de 251.680 euros, divididos en catro zonas xeográficas da provincia, dos servizos de control de calidade das obras incluídas no plan de vías provinciais, no plan de travesías, no plan de sendas peonís e no plan de conservación de estradas.

“O obxectivo desta acción é analizar e comprobar in situ que as obras e os materiais empregados se adaptan ao estipulado nos pregos de contratación, nas normativas e nas indicacións da dirección de obra, garantindo así a máxima calidade e seguridade dos traballos realizados nas estradas da Deputación”, afirmou o deputado responsable do departamento de Vías e Obras, José Manuel Pequeño Castro.

Entre as diferentes actuacións requiridas para os correctos controis de calidade de vías e obras están a análise dos planos, detalles, memorias e libros de construción, que deben estar completos e ben redactados, a análise do cumprimento do programa requirido e o cumprimento da normativa aplicable a cada obra.

Co fin de que se cumpran estes requisitos, non se controlarán exclusivamente os materiais utilizados, senón que os equipos de fabricación e posta en obra tamén deben de ser analizados. Xeralmente, os requisitos para cumprir atópanse recollidos no prego de prescricións técnicas particulares do proxecto.

Así, o primeiro paso para o control da calidade dun proxecto é a fixación das especificacións que deben cumprir os diferentes elementos que interveñen no proceso, como os materiais, os estudos e ensaios previos, os equipos e procesos, a execución e a obra rematada.

Durante a etapa de construción, a empresa adxudicataria elaborará o Plan de Calidade de Produción ou Autocontrol, onde se recollerán os conceptos necesarios para a execución das unidades de obra que comprende o proxecto construtivo.

O adxudicatario estará obrigado a redactar un informe mensual, a entregalo dentro dos dez días do mes seguinte, no que se incluirá cada resultado dos ensaios realizados, normativas, e indicacións da dirección da obra. Cando os resultados non foran conformes para o remate da obra, esta deberá ser corrixida.

As bases establecen a creación de catro zonas diferentes na provincia, correspondendo cada unha delas a un conxunto de estradas provinciais ou sendas, ao obxecto de contratar cada unha delas con un adxudicatario para que efectúe o control de calidade de cada traballo. En cada zona concéntranse os diferentes concellos, co que quedan distribuídos da seguinte maneira:

Zona A –Presuposto: 62.900 €

Ares, Cabanas, A Capela, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Irixoa, Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, As Pontes, San Sadurniño, Somozas, Valdoviño, Vilarmaior e Cariño.

Zona B –Presuposto: 62.900 €

Abegondo, Aranga, Arzúa, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Cambre, Carral, Coirós, Curtis, Frades, Melide, Mesía, Oleiros, Oroso, Oza-Cesuras, Paderne, O Pino, Sada, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Vilasantar.

Zona C –Presuposto: 62.900 €

Ames, Arteixo, A Baña, Brión, Carballo, Cerceda, A Coruña, Culleredo, Dodro, A Laracha, Negreira, Ordes, Outes, Padrón, Rois, Santiago, Teo, Tordoia, Trazo, Val do Dubra e Vedra

Zona D –Presuposto: 62.900 €

Boiro, Cabana, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Noia, Pobra do Caramiñal, Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Vimianzo e Zas.

As empresas interesadas en participar na licitación poderán realizar a presentación da documentación coa súa oferta ata o 25 de outubro.

17 de outubro de 2016 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.