A delegación coruñesa na Semana Europea das Rexións inicia actividade cunha xornada na Fundación Galicia-Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Cinco técnicos municipais da provincia, encabezados polo deputado provincial de Promoción Económica e Emprego, José Luís García, e a responsable de Europe Direct A Coruña, Cristina Couto, visitaron a sede da Fundación Galicia – Europa (FGE), encargada de defender os intereses galegos ante os organismos da Unión Europea e de promover o achegamento da nosa rexión aos demais membros.

Trátase da primeira das actividades que se realizarán na Semana Europea das Rexións e das Cidades, organizada polo Comité das Rexións en Bruxelas, e á que asisten dez técnicos da provincia coordinados pola Deputación e o centro de información europea, Europe Direct.

Os técnicos de Arteixo, Camariñas, Cerdido, Ponteceso e San Sadurniño recibiron unha formación sobre como desenvolver as cidades de modo intelixente, as chamadas “smart cities”, adaptándoas ás persoas maiores, da man da directora da FGE en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa.

A xornada completouse cun acto de apertura e a exhibición “Regiostars”, na que o persoal técnico de Curtis, Cabanas, Abegondo, Narón, Dumbría e San Sadurniño puideron coñecer e votar os mellores proxectos europeos nos ámbitos do crecemento sostible, intelixente e inclusivo.

O evento, que cumpre a súa décimo terceira edición, continuará ata o día 13 de outubro, con charlas, obradoiros, debates, visitas e seminarios, centrados no crecemento económico sostible, a elaboración de políticas económicas inclusivas e os fondos ESI (Fondos Estruturais e de Investimento).

11 de outubro de 2016 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.