A defensa de Garzón ve “mala fe procesual” en Adif por dicir que omitiu datos “por erro”
O avogado que defende ao maquinista Francisco Garzón Amo, Manuel Prieto, acusou de “mala fe procesual” e “falta de respecto absoluta” a Adif despois de que entregase 300 folios de documentación este luns no Xulgado de Instrución número 3 de Santiago aducindo que a omitiu no seu día “por erro”.
En declaracións, Prieto criticou que o administrador de infraestruturas ferroviarias “queira facer crer que isto é o que se lle estaba a pedir”, cando os novos documentos, na súa opinión, son “máis do mesmo”. “Non achegan nada novo, é unha análise parcial e a curva -da Grandeira- non está analizada para nada”, censurou.
Neste sentido, apuntou que no sumario xa figura un ‘Safety Case elaborado por Ineco que é “o mesmo” que a análise elaborada pola UTE e que agora achega Adif. De feito, esta nova avaliación refírese unicamente ao subsistema denominado de ‘Control, Mando e Sinalización’, e céntrase no ‘ERTMS’.
“¿Que quere con isto Adif? ¿Atrasalo? ¿Dicir que a responsabilidade se houbo unha análise de risco deficiente é da UTE? Ninguén sabe o que pretende”, subliñou o letrado, para, a liña seguida, asegurar que ningunha destas opcións lle sorprendería.
Ademais, reprende duramente a entidade pública empresarial dependente do Ministerio de Fomento por achegar esta información agora, cando o primeiro xuíz instrutor, Luis Aláez, lla solicitou en outubro de 2013 e en marzo de 2014. “Non entendemos por que non o achegaran, e por que o presentan agora eles saberán”, abunda.
NOVA DATA
Neste escenario, e tras ser el mesmo unha das partes que reclamou que a vista deste mércores na que debían comparecer peritos se aprazase para estudar os documentos, a nova data quedou fixada para o día 18.
Ese día deberán ratificar os seus informes os dous peritos designados por QBE -aseguradora de Renfe- e tamén o catedrático da Universidade de Cantabria Enrique Castillo Ron, que elaborou un informe a petición do perito xudicial Juan Carlos Carballeira Ron.











