A consellería de Política Social apoia un proxecto de compostaxe e horticultura ecolóxica en Santa Comba
O conselleiro de Política Social en funcións, José Manuel Rey Varela, coñeceu hoxe de primeira man a experiencia de compostaxe e horticultura ecolóxica que se está a desenvolver no CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba ao abeiro do programa “Iniciativa Xove” da Xunta de Galicia. Rey Varela, indicou que os proxectos de Iniciativa Xove permiten aos mozos e mozas “demostrar a súa capacidade de pensar, organizar e xestionar os seus propios proxectos; ao tempo que se estimula o protagonismo, o talento e o liderado xuvenil”.
Un grupo de 30 rapaces e rapazas participan nos obradoiros que se realizan con este proxecto que ten por obxecto concienciar á poboación da importancia que ten a reciclaxe, formar aos rapaces e rapazas na horticultura como medio de produción ecolóxica de alimentos máis saudables e difundir a compostaxe como método alternativo para a reciclaxe no medio rural. Entre outras actividades, os participantes aprenden a fabricar composteiros experimentais; cultivan hortalizas e aprenden a cociñalas de maneira saudable.
O titular en funcións de Política Social destacou que “Iniciativa Xove” é un programa de referencia no eido da participación xuvenil plenamente consolidado en Galicia, que ademais é pioneira a nivel nacional neste tipo de accións nas que se da prioridade ao deseño e posta en marcha de programas baseados na adquisición de novas competencias a través da educación non formal, seguindo así as recomendacións da Unión Europea no que atinxe ás novas políticas dirixidas á xuventude. Deste xeito, a Xunta de Galicia “aposta porque os mozos e mozas adquiran aptitudes que despois serán valoradas e apreciadas nas empresas, abrindo así unha vía máis para axudalos na transición da educación ao emprego”, dixo o conselleiro.
Neste ano de 2016 un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas puxeron en marcha os seus proxectos a través de “Iniciativa Xove”, que permite o financiamento do cen por cento do investimento, ata un máximo de 5.000 euros e coa posibilidade de recibir un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. O investimento global destinado a este programa ascendeu a 547.364,95 euros.
As temáticas das experiencias financiadas ao abeiro deste programa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado son moi diversas, e así se apoian iniciativas vinculadas ao emprendemento e a empregabilidade; proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude; accións relacionadas coa concienciación ambiental; co uso das novas tecnoloxías; coa posta en valor do patrimonio histórico e cultural ou co traballo social con inmigrantes e outros colectivos, entre outros proxectos. A denominador común de todos os proxectos é que “os mozos e mozas son os verdadeiros e únicos protagonistas, posto que eles dinnos o que queren facer e as súas propostas; e nós, dende a administración, financiámolas para que as fagan realidade”, concluíu Rey Varela.