publicidade hoxe

A 3ª andaina “Viño de Monterrei” será un paseo pola riqueza patrimonial e cultural do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMonterreiOurense
A-
A+
Presentación da andaina

Presentación da andaina

A terceira edición da andaina “Viño de Monterrei” será un paseo pola riqueza patrimonial e cultural deste municipio, cunha distancia de 18 quilómetros de dificultade media, a saída efectuarase ás 10.00 horas na Alameda de Albarellos. A presentación desta proba deportiva tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o deputado provincial de Deportes, Juan Anta; o asesor de Deportes da Deputación de Ourense, Bernardino González; o alcalde do Concello de Monterrei, José Luís Suárez; o responsable de Deportes do Concello de Monterrei, Marcos Meno; e a membro da cooperativa Xeitura, Begoña Garrido.

A Deputación de Ourense apoia este tipo de iniciativas “que poñen en valor o territorio e neste caso, o seu produto estrela, o viño, a través do deporte”, afirmou Juan Anta, quen sinalou a importancia destas probas deportivas “como ferramenta para promocionar o noso rural”.

O alcalde do Concello de Monterrei explicou que o obxectivo desta andaina é “fomentar a práctica deportiva, que mostra o noso compromiso coa vida saudable, así como, mesturar o deporte coa posta en valor do noso abundante patrimonio artístico, cultural e natural. Trátase de levar a cabo iniciativas que dinamizan o rural, no noso caso, no sector vitivinícola, tan importante no noso municipio”.

Esta terceira edición da andaina conta con varias novidades entre as cales atópase a realización “dun único percorrido de 18 quilómetros para intentar acadar a máxima participación”, dixo Marcos Meno.

Outra das novidades deste ano vai dirixida aos máis cativos pois “todos aqueles inscritos poderán levar aos seus rapaces, para iso contamos cun percorrido adaptado para eles, co obxectivo de fomentar o deporte en familia”, asegurou o responsable de Deportes do Concello de Monterrei. Nese mesmo senso, Begoña Garrido sinalou que “os nenos sentiranse como futuros cabaleiros do Castelo de Monterrei, a través de distintas probas”.

No que respecta ao percorrido, Begoña Garrido explicou que este ano “adaptouse ás demandas do ano pasado para facelo máis accesible a todos, e durante o cal, haberá dous avituallamentos. A ruta discorrerá por diferentes puntos importantes do municipio, e nesta ocasión, atravesará o Castelo de Monterrei”. Ao remate da proba, os participantes poderán gozar dunha degustación dos viños das adegas da localidade.

A participación estimada é de “100 persoas”, segundo Marcos Meno, que lembrou que “os interesados en participar poderán inscribirse ata o mesmo día da proba”.

13 de outubro de 2016 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.