Xornada de portas abertas na escola infantil do Ventorrillo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Rey Varela na visita á escola infantil. Foto: M. Fuentes

Rey Varela na visita á escola infantil. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá a escola infantil do Ventorrillo, na cidade da Coruña, co galo da xornada de portas abertas que se está a celebrar en practicamente todas as escolas infantís da Comunidade Galega ante o inicio do curso escolar.

Así as cousas, Rey Varela fixo un percorrido polas instalacións deste centro pertencente á Consellería de Política Social e no que se ofertan un total de 107 prazas, distribuídas nun grupo de 0 a 1 anos, 3 grupos de 1 a 2 anos e outros 3 grupos de 2 a 3 anos. Do total das prazas ofertadas cinco delas están reservadas para casos de emerxencia. Durante a visita, o titular de Política Social aseguraba que as escolas infantís “constitúen o recurso de conciliación máis importante que ten Galicia”. “Un recurso – insistía o conselleiro – que favorece a conciliación pero sobre todo favorece unha educación integral dende os cero anos”. E, ao fío, adiantou un “inicio de curso que está transcorrendo con normalidade”.

O conselleiro de Política Social lembrou que a provincia da Coruña conta cun total de 58 escolas infantís de titularidade autonómica, 51 delas integradas no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e 7 pertencentes á Axencia Galega de Servizos Sociais, o que fan un total de 3.768 prazas públicas. A elas se sumarán a partir do vindeiro 15 de setembro as de catro novos centros: Oza-Cesuras, Fene-Barallobre, Ames-Bertamiráns e A Coruña-A Sardiñeira e que virán a sumar 246 novas prazas. Deste xeito, a provincia da Coruña ofertará este novo curso 2016-17 máis de 9.300 prazas en escolas infantís sostidas con fondos públicos, xa que ás 4.014 prazas da Rede Galiña Azul hai que sumar as 3.490 prazas das escolas infantís municipais, as 877 de iniciativa social, as 157 prazas concertadas, así como aquelas concedidas a través do Bono Concilia (774).

Galicia suma máis de 22.300 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís tal e como lembraba esta mañá o conselleiro de Política Social, o que supón unha taxa de cobertura superior ao 37% (4 puntos por riba do limiar que marca a Unión Europea). Do total de prazas ofertadas na Comunidade Galega, 2.164 se corresponden coas prazas das 26 escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais e 7.452 coas prazas dos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Esto fai un total de 9.616 prazas ofertadas pola Consellería de Política Social nos centros de titularidade propia. No que respecta aos datos de matrícula, a día de hoxe están matriculados 7.922 nenos dos que 2.001 o fan en escolas da Axencia e 5.921 nas do Consorcio. Datos que mudarán co paso dos días xa que a eles se sumarán os ingresos en prazas de emerxencia social, e as solicitudes do prazo extraordinario de setembro, así como aqueles que teñan nacido fóra do período ordinario de matriculación.

5 de setembro de 2016 | 19:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.