publicidade hoxe

Uns 40 emprendedores dos espazos coworking ourensáns participan en Celanova nun taller orientado a xerar sinerxías

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCelanovaOurense
A-
A+

O director do Igape, Javier Aguilera, mantivo esta mañá un encontro cos preto de 40 emprendedores seleccionados nos espazo coworking activados en Xinzo e Celanova, que prevén impulsar 35 proxectos empresariais relacionados co turismo, a repostería e a restauración, a apicultura, a gandería de carnes selectas ou os servicios sociosanitarios, entre outras actividades económicas.

Os seleccionados nestas dúas aceleradoras da provincia de Ourense participaron hoxe nun taller conxunto destinado a sentar as bases de posibles colaboracións xeradoras de sinerxías que contribúan a un desenvolvemento empresarial máis sólido e asegurar así a consolidación dos proxectos.

Logo de felicitar aos emprendedores seleccionados para os dous espazos coworking ourensáns, onde disporán de formación empresarial e asesoramento gratuítos, Aguilera lembrou que a cooperación é sempre un activo importante no ámbito empresarial, tanto nas fases de creación como na consolidación e no crecemento e internacionalización dos proxectos.

Ao abeiro da colaboración a Xunta, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), os emprendedores seleccionados nos coworking da provincia de Ourense disporán de servizos á medida das súas necesidades formativas para desenvolver as súas ideas de negocio e acelerar a posta en marcha das súas empresas e a súa posterior consolidación.

Ao amparo da colaboración Igape-EOI para aceleración de proxectos empresariais poderán participar en total, durante os dous próximos anos, arredor de 1.500 persoas con vocación emprendedora en toda Galicia, nas seis novas aceleradoras de emprendemento que veñen de activarse nas localidades de Ferrol, Cabana de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo, Celonova e Xinzo. En cada unha das sedes haberá 4 edicións sucesivas que durarán 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos previamente seleccionados para cada edición.

Ademais, o Igape e a Escola de Organización Industrial reforzarán a súa aposta polo emprendemento coa creación dunha sétima aceleradora para proxectos relacionados coa industria audiovisual e o sector cultural galego, que se localizará na Cidade da Cultura, en Santiago, e na que poderán participar ata 250 persoas.

21 de setembro de 2016 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.