Un total de 450 alumnos coruñeses comezan o curso escolar no IES Puga Ramón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada de Benestar Social e Educación, Ánxela Franco, participaron esta mañá no acto oficial de inauguración do curso académico no IES Rafael Puga Ramón, dependente da institución provincial.

No seu discurso, González Formoso expresou o compromiso da Deputación para manter a calidade do ensino nun centro que ven de cumprir 50 anos de historia e no que se formarán neste curso 450 alumnos e alumnas de secundaria e Bacharelato. “Un compromiso de números e de corazón”, apuntou o presidente provincial que subliñou o esforzo inversor que a Deputación realiza cada ano para manter a actividade formativa do centro e o “orgullo” de contar cun alumnado que destaca polo seu elevado nivel académico.

No mesmo sentido pronunciouse a deputada Ánxela Franco, que expresou a súa convicción de que a educación é a ferramenta máis poderosa para garantir a igualdade de oportunidades e desexou ao alumnado un bó curso, de cara aos cada vez máis esixentes retos da educación superior.
A lección inaugural do curso correu a cargo do doutor en bioloxía e investigador Roberto J. Hermida, autor tamén do libro “El dilema de Spallanzani”, que falou acerca das súas investigacións sobre os morcegos en Galicia.

16 de setembro de 2016 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.