Un total de 393 maiores da comarca da Coruña benefícianse do servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a deputada responsable da área de Benestar Social, Ánxela Franco, visitaron esta mañá no polígono de Agrela (A Coruña) a central dende a que a institución provincial presta o servizo de teleasistencia domiciliaria aos 90 municipios da provincia con menos de 50.000 habitantes, todos a excepción das cidades da Coruña, Santiago e Ferrol.

González Formoso e Franco coñeceron de primeira man o funcionamento do servizo, no que un plantilla de 16 teleoperadoras atenden durante as 24 horas do día, os 365 días do ano, as chamadas dos 1.743 beneficiarios activos que o servicio de teleasistencia ten na provincia e cos que “moitas veces acabamos establecendo lazos de relación persoal ao longo do tempo”, segundo explicaron os responsables do centro.

O presidente da Deputación, Valentín González, destacou “a aposta social” do seu goberno co sostemento deste programa “nunha época de recortes” e co incrememento dun 10% do orzamento que a Deputación destina á área de Benestar Social durante o presente ano.

“Estamos orgullosos dun servizo que permite a moitas persoas maiores ou con discapacidade seguir vivindo no seu domicilio e que proporciona tranquilidade e seguridade ás súas familias, que saben que ante calquer incidente hai unha resposta inmediata ao outro lado do botón”, afirmou González Formoso, que subliñou que nos últimos años a Deputación da Coruña decidiu seguir prestando este servizo a pesar de que o Imserso suprimiu a achega económica coa que contribuía ao seu financiamento. En 2016, a Deputación da Coruña investirá 394.245 euros no mantemento do servizo.

No mesmo sentido pronunciouse a deputada de Benestar, Ánxela Franco, que considerou o servizo como “un anxo da guarda que está sempre aí” e que “acompaña e dá seguridade” ás persoas maiores nunha provincia caracterizada polo envellecemento da poboación, especialmente no ámbito rural.
Franco apuntou que a maioría dos usarios son mulleres de máis de 80 anos que viven soas, aínda que tamén hai unha pequena porcentaxe correspondente a persoas con algún tipo de diversidade funcional.

Tanto o presidente da Deputación como a deputada de Benestar Social fixeron sendas chamadas de proba a dúas persoas, que mostraron a súa sorpresa porque a voz ao outro lado do teléfono non fose a habitual e valoraron positivamente un servizo de teleasistencia que conta co maior número de usuarios na comarca coruñesa.

Cambre, con 57 usuarios, Culleredo (44), Arteixo (43), Oleiros (36) e Sada (39) e Oza-Cesuras (34) son os municipios que contan con maior número de beneficiarios do servizo de teleasistencia en toda a provincia.

O “botonciño da Deputación”

“Bó día, Aurelio, chámolle do botonciño da Deputación”, así comeza Asun, teleoperadora do servizo de teleasistencia provincial, unha dos centos de chamadas de control que realiza cada día durante a súa xornada laboral.

Asun interésase sobre se a persoa descansou ben, tomou a súa medicación e se atopa en bó estado de saúde, mentres apunta nun programa informático cada detalle que o seu interlocutor lle vai contando a través do intercomunicador que leva consigo as 24 horas do día, co que se crea un expediente individualizado de cada usuario, que permite un seguemento máis completo e eficaz.

Dende lembrarlles a hora da medicación ou unha cita médica ata felicitarlles polo seu aniversario ou interesarse polo seu estado de saúde, os usuarios reciben periódicamente chamadas de control dende a central, onde tamén se reciben as súas chamadas no caso de emerxencias ou accidentes ou, simplemente de que o usuario “quera falar con nós e preguntarnos cómo estamos”, explicou Ana Varela, a responsable da central de teleasistencia provincial.
A través dun pequeno botón que os usuarios levan sempre consigo e que incorpora unha liña de conexión telefónica permanente coa central, as 1.743 persoas maiores dos concellos coruñeses que se benefician deste servizo dispoñen dun seguemento periódico para dar resposta inmediata ás súas necesidades e emerxencias de forma ininterrumpida.

2 de setembro de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.