Un congreso internacional sobre lingua, literatura e gastronomía en Santiago aspira a dar “fundamento” ao bo momento da cociña
Un congreso internacional sobre lingua, literatura e gastronomía entre Italia e a Península Ibérica reúne dende este mércores e ata o venres 23 en Santiago a un nutrido grupo de expertos de Galicia, España e o estranxeiro co obxectivo de “establecer pontes” entre países e especialidades.
A cita aspira, segundo destacou o seu coordinador, Benedict Buono, a dar “máis fundamento” ao bo momento que atravesa a cociña, debido ao “fenómeno mediático” que se desatou nos últimos anos. “Pero fáltalle unha historia”, segundo resaltou Buono, e iso é o que pretende incorporar este evento, que en 2016 se estrea coa súa primeira edición.
Ao respecto, a decana da facultade de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), María José López, sinalou que os organizadores esperan que “non sexa a última” ocasión en que se celebre o congreso.
Pola súa banda, a concelleira de cultura do Concello de Santiago, Branca Novoneyra, chamou a atención sobre a relevancia que para a capital galega teñen lingua e gastronomía, xa que “achegan identidade” á cidade.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, apelou á capacidade inspiradora da gastronomía para a literatura en Galicia, e valorou que a primeira “transcende” o seu apartado vital para converterse en “cultura en sentido amplo”.
Nesta liña, o programa do congreso, que leva por antetítulo o lema ‘Propter magnare creatus’, inclúe un ‘show-cooking’ a cargo do Centro Superior de Hostalaría de Galicia en homenaxe a Álvaro Cunqueiro.
Ante a presenza do cónsul honorario de Italia en Galicia, Francesco Milani, o último en tomar a palabra no acto de inauguración foi o vicerrector de oferta docente da USC, Roberto Javier López, quen fixo referencia ao estudio de hábitos alimenticios e costumes gastronómicos como un xeito “de achegarse ao pasado e entender o presente”.
PROGRAMA
O programa arranca este mércores coa conferencia de Vicente González Martín, da Universidade de Salamanca, sobre a comida na comedia italiana renacentista.
Continuará pola mañá cunha sesión de comunicacións sobre a gastronomía nos séculos XV e XVI, e xa pola tarde abordarase a gastronomía no século XVII e outra mesa sobre gastronomía e léxico. O escritor e xornalista gastronómico Bep Allès pechará a xornada cunha conferencia sobre a cociña balear no marco do Mediterráneo, e a continuación haberá un cocktail de produtos galegos do mar.
O xoves comezará cunha mesa sobre a gastronomía na Idade Media e proseguirá con este mesmo tema e un relatorio de Segundo Vázquez Portomeñe sobre a cociña monástica no Camiño de Santiago. Pola tarde a sesión de comunicacións versará de novo sobre gastronomía e léxico, primeiro, e gastronomía e literatura despois. Andreu Bosch i Rodoreda, da Universitat de Barcelona, será o encargado de rematar o día cunha conferencia sobre riqueza onomasiolóxica dos nomes das variedades de uva e da froita no catalán de Alguer entre os séculos XVII e XIX.
Por último, xa o venres, a sesión empezará cunha análise sobre os séculos XVIII e XIX, continuará cunha mesa sobre gastronomía e literatura e logo será a quenda para a conferencia de Carlos Alvar, da Université de Genève, sobre a arte de cociña e cortesía de mesa na España medieval. Pola tarde a gastronomía e a literatura seguirán sendo protagonistas, antes do relatorio de Oreste Gualillo, do Hospital Clínico de Santiago, sobre remedios farmacolóxicos e alimentos antigos –en concreto, sobre o aceite de oliva–. Claudio Marazzini, da Università del Piemonte Orientale, será presentado polo director de RÁEA, Darío Villanueva, para falar sobre a arte da linguaxe da cociña.











