publicidade hoxe

Un camión envorca en Vilalba con 2.600 coellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosVilalba
A-
A+
Europa Press

Un camión que transportaba uns 2.600 coellos envorcou na noite deste xoves en Vilalba (Lugo), nunha rotonda de enlace da a-8 coa AG-64, segundo informa o 112.

O condutor do vehículo indicou ao 112 ás 2,00 horas que os animais ían en varias gaiolas e que boa parte deles morreron a consecuencia do sinistro.

O centro de atención ás emerxencias do 112 deu traslado dos feitos a Protección Civil, Policía Local e a Garda Civil de Tráfico, así como a bombeiros de Vilalba, aínda que non foi precisa a súa intervención.

Ademais, o 112 puxo o accidente en coñecemento de Urxencias Médicas. Malia que o condutor non resultou ferido, os efectivos sanitarios decidiron enviar unha ambulancia, xa que aseguraba ter molestias nunha man.

As forzas da orde solicitaron a intervención dun veterinario para avaliar o estado dos coellos, que sobreviviron ao sinistro e, ao tempo, proceder á retirada dos animais mortos.

8 de setembro de 2016 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.