publicidade hoxe

Últimas tarefas de acondicionamento nos centros de ensino de Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

A Concellaría de Obras e Servizos en coordinación coa Concellaría de Ensino continúan traballando nos centros de ensino público cangueses con obras e acondicionamentos na posta a punto antes do comezo do novo curso escolar. Durante este mes de agosto comezaron as obras nos centros de ensino públicos por parte do Concello de Cangas, así distribuímos tres brigadas de obras, carpintería e fontanería repartidas polos coles xunto coas brigadas de roza sen desatender as demandas cidadás no día a día e os numerosos actos e festas nestas datas.

No CEIP Castrillón están actualmente co arranxo da cornixa que se desprendeu durante o pasado curso, colocando azulexos, varandas, etc. Ademais, pechouse con pladur un espazo para unha nova aula solicitada polo propio centro e vaise pintar este novo espazo e remataranse os pequenos detalles dos novos vestiarios para a apertura neste novo curso escolar, agardando o investimento comprometido para o cambio de luminarias por parte da Consellería.

No CEIP Espiñeira a nosa brigada estivo chorreando e pintando no patio e están case rematadas as obras da Consellería de Educación da Xunta de arranxo da instalación de fontanería e os traballos da brigada de roza co tractor.

No CEIP Cangas-Nazaret estanse levando a cabo obras de remodelación e cambio da instalación de fontanería nos aseos da planta baixa tanto de rapaces como de rapazas do edificio principal, e a adaptación dos mesmos, entradas, espazos e barras, para facelos accesibles para persoas con mobilidade reducida. Todo isto grazas á aportación para materiais da Consellería e a mano de obra con persoal da Brigada de Obras do Concello.

No CEIP Hío están case rematadas as obras financiadas con fondos europeos da Consellería de Educación, os arranxos varios por parte da Brigada de Obras e están rematando as rozas co tractor.

No CEIP San Roque aínda estamos agardando pola adxudicación das obras comprometidas pola Consellería da Xunta con fondos europeos, mentres desde a brigada de obras estanse revisando arranxos varios, e malia rozarse o entorno fai pouco daráselle un repaso de roza esta mesma semana.

No CEIP A Rúa desenvolvéronse traballos varios e rematáronse os traballos de roza e na Escola Infantil de O Hío varios traballos de carpintería e roza. Por outra banda, están case rematadas as obras financiadas polo Consorcio na Escola Infantil da Choupana con cambio de chan, friso nas paredes, pintado e novo aseo para os cativos e cativas. Está previsto que o vindeiro día 5 abra as portas con todos os cambios e remodelacións, despois da limpeza xeral por parte do persoal da Brigada de Limpeza do Concello. Rozado o perímetro da escola e a zona da Choupana. Ademais, continuarán os traballos de roza e reparacións en todos os centros.

A Concelleira de Obras e Servizos Mercedes Giráldez recoñece que “desde o comezo da nova lexislatura municipal o equipo de goberno prestou especial atención aos centros de ensino no noso Concello, con importantes actuacións demandadas desde fai anos e unha brigada comprometida coas pequenas reparacións e mantementos”. Por todo iso, “seguiremos traballando dentro das nosas competencias para garantir uns centros en boas condicións e reclamando diante das outras administracións, porque apostar pola educación dos nosos fillos e fillas é apostar polo futuro do noso pobo”.

1 de setembro de 2016 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.