Sanidade informa do proxecto Gran Montecelo a profesionais e asociacións de Pontevedra

Intervención do conselleiro de Sanidade
A Consellería de Sanidade e a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra están a informar aos profesionais sanitarios, a asociacións e colectivos de Pontevedra e a súa área de influencia sobre o proxecto Gran Montecelo que, como xa é coñecido, se desenvolverá nos próximos anos nesta cidade.
Nas diferentes xuntanzas técnicas, mantidas ao longo da xornada de hoxe no Hospital Montecelo, o titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña -acompañado de diversos responsables públicos- expuxo tanto aos xefes de servizo, coma a os representantes dos traballadores e a diversas asociacións e colectivos veciñais da comarca as liñas xerais da proposta do Gran Montecelo.
Dito proxecto asistencial, como xa se anunciara, consiste nunha ampliación do actual centro sanitario cara ao sur, en terreos que ocupan unha superficie aproximada de 46.200 m2 clasificados no Plan Xeral de Ordenación Urbana na súa maior parte como solo non urbanizable común, máis unha franxa de parcelas edificadas na parte noroeste que pertencen a un núcleo rural.
Proxecto cun alto grao de consenso
Estase a informar a todos os axentes profesionais, políticos e sociais coa fin de que o proxecto que finalmente se leve adiante en Montecelo sexa o mellor desde o punto de vista asistencial e técnico, e que conte cun alto grao de consenso. Para iso, mantéñense contactos permanentes cos principais axentes implicados, como profesionais, asociacións veciñais, administracións, organizacións sindicais, etc.











