Román Rodríguez comproba os novos equipos de robótica educativa no IES Pontepedriña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Román Rodríguez na visita ao IES Pontepedriña. Foto: X. Crespo

Román Rodríguez na visita ao IES Pontepedriña. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, achegouse esta mañá ao IES Pontepedriña, en Santiago, para coñecer de primeira man a posta en marcha do novo equipamento de robótica educativa co que a Consellería de Cultura e Educación dota a todos os Institutos de Ensinanza Secundaria de Galicia.

Estes equipos son unhas ferramentas de apoio á docencia para impartir coñecementos e traballar desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar, non só desde o ámbito tecnolóxico, senón que abrangue materias como as matemáticas, física, química, ou as materias de libre configuración autonómica propostas pola Xunta ao abeiro da Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).

Este é o caso das materias de Programación (para alumnos de ESO), e Robótica (para os de Bacharelato), que se impartiron por primeira vez no pasado curso 2015/16 e que neste curso experimentaron un notable interese por parte tanto dos centros coma dos alumnos. De feito, este curso elévanse a 132 os centros que ofertan Programación (o ano pasado foron 50) cuns 4.200 alumnos matriculados; e 92 os que ofertan Robótica (26 o pasado curso), cuns 570 matriculados actualmente.

Fomento das competencias científicas e tecnolóxicas

Segundo explicou o conselleiro Román Rodríguez, estes kits forman parte da dotación de material educativo co que se pretende completar a aposta da Administración galega polo fomento das competencias científicas e tecnolóxicas, e polas vocacións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) dos alumnos. O fin último -segundo subliñou o conselleiro- é que os rapaces dispoñan das competencias e habilidades suficientes para desenvolverse no mundo tecnolóxico e dixital actual como cidadáns responsables e activos.

Ademais, este mesmo trimestre, a Consellería pon en marcha un plan de formación específico en Robótica dirixido ao profesorado vinculado ás ensinanzas tecnolóxicas para, deste xeito, reforzar os seus coñecementos nesta materia.

Descrición e distribución do material

Ao longo do mes de outubro vanse distribuír en todos os IES e CPIs de Galicia un total de 347 equipos de Robótica Educativa compostos por seis robots que permiten unha ampla gama de funcións, desde distintas montaxes ata a programación. Ademais contan con software de programación e control totalmente aberto e que permite o control do robot desde dispositivos móbiles tipo tabletas e teléfonos móbiles.

A maiores deste material que se está comezando a distribuír, a Consellería está ultimando a adquisición de kits de placas de Comunicación e Programación, e dos equipos de impresión 3D, todos eles coa finalidade de dotar axeitadamente aos centros educativos dos medios materiais necesarios para impartir unha docencia de calidade e axustada ás novas demandas e necesidades nunha contorna tecnolóxica, todo elo cun investimento que acada os 3,6 millóns de euros.

21 de setembro de 2016 | 17:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.