publicidade hoxe

‘Retrincos de Castelao’ comeza o seu percorrido pola provincia en Bueu

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueuPontevedra
A-
A+

Este domingo, ás 21:30 horas no Centro Social do Mar, chegará a Bueu a obra ‘Retrincos de Castelao’, no marco da programación teatral do Ano Castelao da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha obra creada pola compañía Culturactiva para achegar ao público actual a vida e a traxectoria de Castelao, combinando a comedia con elementos dramáticos. Dirixida por Diego Rey, esta obra pon sobre o escenario a dous actores amplamente coñecidos na escena galega, Isabel Risco e Fran Rei.

‘Retrincos de Castelao’ parte de textos do propio Castelao, fundamentalmente de Cousas e Retrincos, e dunha ducia de viñetas, que dan como resultado un texto que vai saltando da vida á obra do autor rianxeiro e permite abordar todas as arestas do personaxe e ir repasando as súas facetas: a humana, o humorista, o debuxante e o político.

Esta proposta, que inicia o seu percorrido en Bueu da man da Deputación, continuará o itinerario por nove concellos máis: Caldas de Reis (9 de outubro), Tomiño (12 outubro), Ponteareas (29 de outubro), Cuntis (30 de outubro), O Grove (9 de novembro), Sanxenxo (3 de decembro), Poio (10 de decembro), Silleda (11 de decembro) e Forcarei (16 de decembro).

Esta é unha das cinco obras que o ente provincial incluíu na súa programación teatral co obxectivo de que os concellos poidan complementar a súas ofertas culturais e posibilitar que o teatro chegue a toda a poboación da provincia. Esta programación inclúe cinco obras, a mencionada ‘Retrincos de Castelao’ de Culturactiva, ‘Que comera o rei?’ de Cándido Pazó, ‘Pegadas de Castelao’ de Migallas Teatro, ‘Os vellos non deben de namorarse’ de Teatro do Morcego, e ‘A lingua na boca’ de Limiar Teatro. Cinco propostas que sumarán 90 representacións ata finais de ano, das cales 62 xa tiveron lugar nos meses de xullo e agosto coa obra ‘A lingua na boca’, que percorreu xa todos os concellos pontevedreses.

‘Retrincos de Castelao’ é un espectáculo de pequeno formato que, segundo xa explicara o actor Fran Rei no día da presentación da programación, “será un espectáculo ácido co que pretendemos achegarnos ao humor de Castelao, que tamén era ácido e cheo de pensamento político e de crítica”. Asegurara, ademais, “que o texto é un arma de construción masiva nun momento no que os gobernos intentan botar terra sobre a nosa identidade”.

16 de setembro de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.