Remata o verán de maior esforzo conciliador por parte do concello de Lalín na programación de actividades
Preto de 450 rapaces e rapazas participaron este ano nas actividades xuvenís estivais programadas polo Concello de Lalín (escola de verán, campamento urbano e campamento no mar), no que supón, segundo o concelleiro de Benestar Social “o maior esforzo en aras da conciliación xamais realizado neste concello”. O Goberno de Lalín imprimiulle a estas actividades un marcado carácter social, con máis de 200 prazas gratuítas, destinadas a menores de familias con escasos recursos. Así mesmo, por primeira vez, a entrada ás piscinas exteriores tivo prezos reducidos e foi gratuíta para as familias en dificultade socioeconómica.
González Casares valorou moi positivamente o desenvolvemento das diferentes actividades xuvenís da época estival. Á boa marcha dos campamentos urbanos sumouse o éxito rotundo do campamento no mar, que este ano tivo lugar na localidade coruñesa de Cabana de Bergantiños. A boa acollida desta actividade, que discorreu nunha paraxe natural espectacular e nunhas instalacións propicias para o desfrute dos nenos e nenas, fixo que o Goberno de Lalín teña a intención de repetir experiencia o próximo ano, coa colaboración do Concello de Cabana.
A escola de verán, iniciada o ano pasado, reforzouse este ano prolongándoa durante todo o período estival non lectivo. A iniciativa, ideada e desenvolvida polo Goberno municipal, serviu como modelo de integración, ao tempo que cumpriu o seu obxectivo fundamental: garantir que os menores de familias con dificultades socioeconómicas puidesen acceder a unha alimentación equilibrada e variada durante o verán, independentemente de que no transcurso do curso escolar fosen beneficiarios ou non do comedor. A Escola de Verán do Concello de Lalín estivo aberta a todas as familias do municipio, indistintamente da súa situación, para evitar, deste xeito, que se poidan producir posibles procesos de estigmatización dos rapaces.
As actividades xuvenís do verán tamén teñen a intención promover actividades educativas alternativas durante o período estival, favorecer o desenvolvemento integral dos menores, promover hábitos de vida saudable e actividades que fomenten a convivencia, a integración e a participación, así como facilitarlles ás familias a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Unha vez rematados os campamentos, realizarase unha valoración máis profunda dos mesmos, entendendo o Goberno de Lalín que a liña actual será seguida nos próximos anos.
Por outra banda, Nicolás González Casares, adiantou que de cara o ano que vén, grazas ás posibilidades que ofrece a ampliación do espazo de lecer da piscina exterior, tratarase de desenvolver no recinto unha programación cultural e deportiva propia da piscina. Esta programación ofrecerase fundamentalmente pola mañá, aínda que cabe a posibilidade de realizar sesións, como concertos a última hora da tarde. Así mesmo, está previsto que, en vista da demanda, a piscina exterior abra o ano que vén durante o mes de xullo ata as 21.00 horas e buscarase unha ampliación do período de apertura, incluso dende o final do curso escolar.