Os propietarios dos terreos afectados pola construción dunha senda peonil no treito que une Laraño e Vidán co centro de Santiago son citados para o pago das expropiacións
A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), ven de citar aos veciños afectados polas obras de construción dunha senda peonil no treito da estrada Santiago-Noia (AC-543) que une Laraño e Vidán co núcleo de Santiago de Compostela, co fin de aboarlles as expropiacións.
Os propietarios dos bens afectados deberán acudir o vindeiro xoves, día 15, ao local social de Vite, no Concello de Santiago de Compostela, entre as 9.00 e 10.00 horas. Esta actuación, que xa se iniciou, ten un prazo de execución de 6 meses.
O obxecto deste proxecto é a construción dun itinerario peonil seguro e accesible que permita a circulación de peóns pola marxe dereita da citada estrada, de dous quilómetros de lonxitude, nas parroquias de Laraño e Vidán, comunicando estes núcleos con Santiago de Compostela.
A obra comezou na parroquia de Vidán, concretamente na glorieta que une a estrada coa Avenida da Mestra Vitoria Míguez e a Rúa Ponte Vella, e se rematará en Laraño, no resto da estrada AC-543 existente unha vez pasada a rotonda existente no cruce coa estrada da Deputación que conduce a Pedrido.
No tramo no que se actúa localízase un elevado número de vivendas e negocios, o que ocasiona un significativo tránsito de peóns que actualmente circula pola beiravía. Neste sentido, as accións proxectadas mellorarán a súa seguridade viaria, fixándose como punto básico a construción dun itinerario ao longo de 2 quilómetros na marxe dereita e dous pequenos tramos na marxe esquerda, co fin de separar o tráfico rodado do peonil.
Este itinerario forma parte das actuacións recollidas no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Santiago, onde se prevé, ademais, executar as obras necesarias para completar o percorrido entre a capital de Galicia e Brión, aproveitando os tramos xa existentes, sen necesidade de utilizar un vehículo a través de sendas e beirarrúas.
Así, ademais de Vidán-Laraño, está previsto realizar as sendas A Barcia-Roxos (concello de Santiago), Roxos- Aldea Nova (concellos de Santiago e Ames) e Aldea Buio-Monte Devesa (concello de Brión).
As obras materializaranse con cargo á partida orzamentaria de fomento da mobilidade sostible urbana e interurbana recollida no proxecto de Orzamentos da comunidade para 2016 e co cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.











