Os bares de Santiago insisten na severidade do goberno local
Asociacións de hostaleiros de Santiago insistiron en denunciar a “severidade” do actual goberno local, de Compostela Aberta, que convocou unha reunión co sector para abordar as súas demandas o próximo 5 de outubro.
Os hostaleiros, nunha rolda de prensa este venres, rexeitaron que se lles utilice politicamente como “arma arrojadiza” nesta recta final de campaña, polo dano que supón para a súa imaxe, cando, segundo reivindican, a capital galega é “modélica” en canto á convivencia do ocio nocturno e os veciños.
Así, no marco dunha “batalla política” que, segundo destacan, nin lles vai nin lles vén, representantes de bares, pubs e cafés que aseguran representar a case o 100% da hostalaría santiaguesa insistiron en denunciar a “extrema dureza” do actual goberno municipal en materia de sancións e peches a locais.
PECHES “EXPRESO” E MULTAS DE 100.000 EUROS
Como voceiro da asociación de bares, pubs e cafés de Compostela -ten uns seis meses de vida- exerceu este venres Carlos Morais, quen considerou “urxente” modificar a actual ordenanza, “obsoleta” e da que asegurou que o goberno fai unha lectura “restritiva” e “severa”, que se traduce en ordes de peche “expreso” e multas de ata 100.000 euros.
Morais defendeu que a noite en Santiago é “tranquila” e “sen incidentes” e vinculou a seguridade das súas rúas coa existencia de locais de ocio, “unha dos sinais de identidade” da cidade e que, ademais, supón a dinamización da súa economía ao dar soporte a numerosos postos de traballo.
Por iso, cargou contra a “política de severidade” do departamento de urbanismo, a cargo do concelleiro Jorge Duarte, en todo o referido a licenzas, aperturas, terrazas, horarios e auditorios.
Segundo dixo, existe “acordo” entre os axentes económicos e todas as forzas con representación no Pazo de Raxoi en que a lexislación vixente “hai que cambiala”, polo que chamou os responsables políticos a sentar como “primeiro paso”.
ACORDOS FIRMES E NON PARCHES
Ao respecto, cuestionado sobre unha mesa de diálogo convocada para o 5 de outubro, sinalou que non lles chegou oficialmente a notificación, pero mostrouse “disposto” a falar, sen fixar de antemán prazos, e co propósito de facer unha “avaliación profunda” doutras normas para adecuar a de Compostela á realidade existente. “Falar e chegar a acordos firmes”, subliñou, antes de mostrarse contrario a poñer “parches” a este problema.
Por outra banda, criticou o “linchamento mediático” ao que, segundo censura, se ven sometidos os hostaleiros nestes días, e chamou os xornalistas a reflectir con “máis veracidade” os feitos, sen “sensacionalismo nin alarmismo”.
ALCALDE DE SANTIAGO
Pola súa banda, preguntado polas queixas dos hostaleiros, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recoñeceu que o sector trasladou aos responsables municipais queixas ao entender que a aplicación do marco legal “nunca foi tan restritiva”, “tanto nas sancións, coma na contía das multas” ou “as medidas preventivas”.
“É algo que se nos vén formulando en varias reunións”, explicou Noriega, que deixou claro que nas tramitacións dos expedientes “non hai unicamente un posicionamento político” senón que “hai unha tramitación técnica e xurídica”.
Neste sentido, interpretou que “todo o que está a acontecer esta semana”, en referencia á información sobre a investigación da Fiscalía de suposto trato de favor a locais, “está moi condicionado polo momento electoral”. “Sentimos o mal trago que está a pasar o edil Jorge Duarte, que actuou con honestidade e sen ningún ánimo de xerar polémica”, apuntou.
Ademais, informou de que a Casa do concello se comprometeu cos hostaleiros a “convocar unha mesa de diálogo” na que estea representado “todo o sector” e “tódolos partidos” para “analizar o que acontece”.
“Eles traballaron nun documento de propostas que pasan pola modificación do marco legal; serán cuestións a valorar nesa mesa que quedou en convocar para o 5 de outubro”, indicou Noriega, que considera que “o marco está para cumprilo, tamén para executalo con racionalidade e para concilialo coa vida da cidade”.











