O xuíz desestima a impugnación do PP contra o número dous da lista de En Marea en Ourense
David Rodríguez seguirá sendo o número dous da lista de En Marea pola provincia de Ourense. Así o decidiu este venres o Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Ourense ao desestimar o recurso interposto polo PP contra o exalcalde de Manzaneda ao entender que a súa renuncia á Alcaldía “deveu firme e irrevogable” antes do inicio do proceso electoral.
O Partido Popular impugnou este xoves o nomeamento de Rodríguez como número dous pola provincia de Ourense e esixido a súa exclusión da candidatura de En Marea, ao entender que a súa renuncia como alcalde non era firme ao non ser ratificada polo pleno de Manzaneda dentro do prazo requirido pola Xunta Electoral.
Así, o avogado da acusación lembrou en que o pleno no que se ratificou a renuncia tivo lugar o luns 29 de agosto, cando o prazo para as candidaturas rematara o luns 22, e que “sen este acordo” a renuncia non era efectiva e por tanto Rodríguez non era “elexible” como candidato.
Ademais, o avogado do PP tamén incidiu en que o prazo para a subsanación de irregularidades ou erros “terminara o domingo 28”, un día antes do pleno celebrado en Manzaneda.
A defensa remarcou que nin a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (Loreg) nin a xurisprudencia esixen máis aló da presentación da renuncia, e que o alcalde a presentou o 19 de agosto, aínda que non foi ratificada polo secretario até o día 23.
Ademais, considerou que a demanda “non ten percorrido xurídico” porque, o pleno tomou coñecemento da renuncia o 29 de agosto, un día antes da publicación definitiva das candidaturas.
SENTENZA
A sentenza recoñece que a renuncia á alcaldía “deveu firme e irrevogable” antes do inicio do proceso electoral. Neste sentido considerou que David Rodríguez “non só xa presentara no rexistro da Corporación municipal a súa renuncia” ao cargo de alcalde, senón que a levou a efecto, de facto” delegando todas as funcións da alcaldía na tenente de alcalde “antes de que se publicase no Diario Oficial de Galicia” a promulgación das listas.
No seu escrito, o xuíz considera que “resultaría desproporcionado” e “incompatible cos dereitos fundamentais” adoptar “unha interpretación restritiva que impedise” ao número dous de En Marea “participar como candidato ao non concorrer “a causa de inelexibilidade invocada”.
PARA RODRÍGUEZ, “A PRIMEIRA DERROTA DO PP”
Á saída dos xulgados, David Rodríguez sinalou que a causa foi un exemplo máis da “bancarrota ética e moral do PP” e que a sentenza supón “a primeira derrota” para esta formación, “que se verá referendada nas urnas o 25 de setembro”.
Rodríguez lamentou que desde o PP “están a denunciar as listas de En Marea en todo o país” e considerou que a denuncia contra a súa candidatura débese a que a súa política en Manzaneda é “a antítese do que Feijóo e Baltar están a facer”.
Neste sentido, contrastou as súas actuacións como exalcalde de Manzaneda contra o despoboamento do rural ou “remunicipalizando” os servizos sociais “mentres que eles regálanllos a empresas amigas”.
“RETORCER OS ARGUMENTOS XURÍDICOS”
Alfonso Diz, coordinador da campaña en Ourense, cualificou o recurso presentado polo PP como unha mostra da “desesperación ante unha derrota electoral en Ourense”. Diz considerou que a acusación tentou “retorcer os argumentos xurídicos” e que “mesmo as sentenzas achegadas pola acusación” sinalan que “a efectividade da renuncia é no momento de presentala”, neste caso o 19 de agosto.
No ámbito autonómico, En Marea valorou a resolución como “un triunfo da Democracia”. “O Partido Popular da coalición Feijóo-Baltar está en bancarrota moral e ética tal e como demostra a súa última manobra coa que pretendía unha vez máis fuxir da democracia”, esgrimiu.
“O PP de Baltar tratou de enturbar o debate político con consideracións xurídicas que non ten fundamento en dereito para pretender tirar rédito electoral. Nun país democrático a posibilidade de saír elixido como parlamentario debe pasar polas urnas e non por un xulgado como busca o Partido Popular”, sinalou, nun comunicado.
CABE RECURSO DE AMPARO NO CONSTITUCIONAL
Contra a decisión do xuíz cabe recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional en Madrid nun prazo de dous días.
A resolución definitiva tería lugar nos tres días seguintes á presentación deste recurso.











