O xerente do Xacobeo presenta nun curso da Universidade de Oviedo a xestión do Camiño de Santiago
O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou esta semana no curso impartido pola Universidade de Oviedo “Asturias en el Camino de Santiago”.
Durante o seu relatorio, “La gestión del Camino de Santiago: la experiencia del Xacobeo”, Rafael Sánchez presentou as principais liñas de traballo que desenvolve a Xunta de Galicia, ao abeiro do Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, o cal marca as estratexias de Galicia de cara ao vindeiro Ano Santo 2021.
Neste sentido, expuxo as principais competencias de Turismo de Galicia no que se refire ao Camiño de Santiago e resaltou as importantes intervencións xa postas en marcha ao abeiro deste Plan en relación á sinalización das Rutas Xacobeas, conservación dos Camiños así como a xestión da Rede Pública de Albergues, entre outros.
Así mesmo, Rafael Sánchez recoñeceu durante a súa intervención ás Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Asturias e todos os seus asociados a labor que día a día realizan na promoción e difusión do Camiño de Santiago e a cultura xacobea.
Por outra parte, subliñou a importancia da acción investigadora en torno ao Camiño, que cada día suscita maior interese e demanda, e a importancia de programas deste tipo.
Incremento de peregrinos
O xerente do Xacobeo fixo referencia ao importante incremento de peregrinos que está a rexistrar o Camiño de Santiago nos últimos tempos. Neste senso, destacou que no que vai de ano xa chegaron a Galicia un 4,41% peregrinos máis que nas mesmas datas do ano pasado. Concretamente, dende xaneiro Galicia recibiu 219.465 peregrinos, dos cales 104.523 -o 47,63%- son de procedencia española e 114.942 – 52,37%-, de carácter internacional.
O curso, que se iniciou o pasado 12 de setembro e finalizará no día de hoxe, abordou outros temas de interese no ámbito xacobeo o patrimonio cultural e arqueolóxico no Camiño de Santiago, a delimitación e sinalización das Rutas Xacobeas, así como a importancia das Asociacións Xacobeas, entre outros.











