O rural galego diversifícase coa aprobación de 93 iniciativas non agrícolas
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, desprazouse esta mañá ata o concello de Dodro para coñecer as instalacións e o funcionamento da peletería Ana Muñiz S.L., beneficiaria das axudas para a creación e desenvolvemento de pequenas empresas non agrícolas no rural galego, que na súa primeira convocatoria tiña un orzamento de 3,3 millóns de euros.
A conselleira destacou que estas axudas van permitir crear 28 empresas e modernizar outras 65, contribuíndo deste xeito a dinamizar o tecido económico e empresarial do medio rural. Así, engadiu, beneficiarase de maneira xeral a toda a poboación do agro galego, posto que conleva unha mellora de servizos na zona e a xeración ou mantemento de postos de traballo. En concreto, vanse xerar 117 novos postos de traballo e manteranse outros 372. Uns datos, sinalou a conselleira, que evidencian o futuro que ten o rural galego.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, manifestou a importancia deste tipo de axudas para diversificar a oferta no medio rural. Así, entre os proxectos aprobados figuran a propia peletería que hoxe visitaban, e iniciativas relacionadas coa transformación e comercialización de produtos agrarios, a prestación de servizos en calquera sector económico (agás empresas de servizos de maquinaria agrícola e forestal e de servizos enerxéticos). Tamén destacan proxectos centrados na prestación de servizos sociais (garderías, coidado de anciáns e persoas con discapacidade), actividades de ocio, recreativas e deportivas, artesanía, novas tecnoloxías ou comercio polo miúdo, entre outras.
Peletería Ana Muñiz
A Peletería Ana Muñiz destaca por ser unha empresa familiar, dedicada principalmente á confección de prendas de pel. Grazas á axuda da Consellería do Medio Rural poderá diversificar esta produción e comezar así unha nova liña de confección de bolsos de pel.
Esta actividade permitiralle eliminar a estacionalidade que estaba tendo a empresa, pois ao centrarse na confección de prendas de pel existía un pico de traballo durante a campaña de inverno que caía coa chegada do verán.