O Programa de voluntariado ambiental revaloriza o parque natural do Monte Aloia en Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTui
A-
A+

O Parque Natural do Monte Aloia acolle durante este mes de setembro a grupos de cidadáns voluntarios que, dirixidos e coordinados polos técnicos de Medio Ambiente, colaboraron en labores como limpeza e posta en valor de rutas, eliminación de plantas alóctonas ou información aos visitantes. En total son 18 as persoas voluntarias que participaron nas tres quendas de Tui.

Esta iniciativa forma parte do programa de Voluntariado Ambiental na Rede de Parques Naturais de Galicia que organizan de forma conxunta as Consellerías de Medio Ambiente e Política Social. Ademais das quendas no Monte Aloia, o programa tamén se desenvolveu no mes de xullo nas Fragas do Eume, O Invernadoiro e O Xurés, en agosto en Corrubedo e en setembro haberá actividade voluntaria en Enciña da Lastra. Ademais, este mesmo programa tamén permitiu a celebración de dous Campos de Traballo internacionais, un en Corrubedo entre o 20 e o 31 de xullo e outro no Xurés (Muíños) do 16 ao 27 de agosto.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou hoxe as actividades de voluntariado no Monte Aloia e agradeceu a implicación dos voluntarios no coidado e difusión dos valores medioambientais do parque. Cecilia Vázquez, destacou que “este programa permite canalizar, a través do voluntariado, a participación activa dos cidadáns no coñecemento e conservación do noso medio ambiente natural, así como axudar nas tarefas de recuperación dos ecosistemas dos nosos Parques Naturais”.

Os voluntarios teñen cuberta a manutención, o aloxamento, o material necesario para a actividade e contan cun seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Ao finalizar a súa participación neste programa, as persoas voluntarias poden obter un certificado acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

6 de setembro de 2016 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.