O obradoiro de emprego “Os Grelos” formará a 15 mozos da zona sur da provincia de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A secretaria territorial da Xunta en Lugo, Marta Barreiro, participou esta mañá na presentación do obradoiro de emprego “Os Grelos”, promovido polo Concello do Saviñao e que ten como municipios asociados os de Sober e Pantón. No acto, Barreiro estivo acompañada polos rexedores dos tres concellos, Joaquín González, do Saviñao; Luis Fernández Guitián, de Sober e Luis Álvarez, de Pantón.

O obradoiro, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, comeza o vindeiro 29 de setembro e conta con 15 alumnos-traballadores que se formarán nas especialidades de fábricas de albanelería e montaxe e instalación de construcións de madeira.

O taller “Os Grelos” está especialmente deseñado para mozos e mozas menores de 30 anos en situación de desemprego e englóbase dentro dunha iniciativa do sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Ademais deste, na provincia hai en marcha outros dous obradoiros con estas mesmas características.

Este taller ten unha duración de 6 meses, durante os cales os alumnos-traballadores realizarán obras de mellora nos tres concellos asociados, que tamén beneficiarán, polo tanto, aos veciños destes municipios.

Así, en Sober colocarán marquesinas e rehabilitarán o contorno das fontes de uso veciñal. En Pantón traballarán na execución do chan e no mobiliario na biblioteca pública, e no Saviñao as actuacións centraranse nos acabados e no mobiliario de edificios públicos (Concello, xulgado, biblioteca de Currelos e Escairón, entre outras instalacións).

Ante os futuros alumnos-traballadores, Barreiro quixo facer fincapé na importancia destes obradoiros de emprego, que representan unha oportunidade para os mozos e mozas que se benefician do programa, xa que lles permite ampliar coñecementos e consolidar a súa formación nunha determinada especialidade profesional, converténdose así en ferramentas útiles para orientar ou reconducir o seu futuro laboral, ao tempo que realizan un traballo remunerado e melloran o currículo. De feito, ao remate do taller, a experiencia formativa e laboral seralles acreditada cun certificado de profesionalidade.

Ademais deste, dirixido aos máis mozos, na zona sur hai en marcha outros tres obradoiros de emprego; en Monforte; en Chantada, en colaboración co concello de Carballedo; e Folgoso do Courel, xunto con Quiroga e Ribas de Sil. En total, 75 persoas desempregadas poderanse beneficiar nesta zona destes programas mixtos, que combinan formación e emprego.

Ademais, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, introduce este ano os programas integrados de emprego, plans formativos integrais que impulsan a proactividade na búsqueda de traballo e as posibilidades de autoemprego.

20 de setembro de 2016 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.