O Igape acolle un encontro cunha delegación xaponesa que busca ampliar as relacións económicas coa comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Javier Aguilera na reunión coa delegación xaponesa

Javier Aguilera na reunión coa delegación xaponesa

O director do Igape, Javier Aguilera, reuniuse esta mañá cunha delegación encabezada por Akira Chiba, presidente da Federación Económica de Shikoku Xapón, unha organización que representa a máis de 300 empresas desa rexión e que buscan ampliar as relacións económicas e as alianzas estratéxicas con Galicia.

Un total de 274 empresas galegas exportaron a Xapón durante o pasado ano, un 14% máis que o ano anterior, e as empresas galegas teñen amosado interese por seguir incrementando as relacións cun mercado tan importante e avanzado como o xaponés, que valora, entre outros produtos, a moda galega ou, especialmente, produtos alimentarios galegos que destacan pola súa calidade como os viños, as algas, os xamóns ou as castañas.

A delegación empresarial de Shikoku amosou especial interese polo sector turístico galego en xeral e polo Camiño de Santiago en particular, polo que mantivo tamén un encontro coa Axencia de Turismo de Galicia. Con todo, forman parte da delegación nipona directivos de empresas distribuidoras de produtos alimentarios, fabricantes de maquinaria industrial, transportes e telecomunicacións, enxeñaría ou servizos, entre outras.

Durante o encontro cos integrantes da delegación xaponesa, o director xeral do Igape salientou tamén a decidida aposta do Goberno galego por captar, no marco da Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0, novos investimentos tecnolóxicos que incorporen valor ás cadeas industriais dos sectores estratéxicos.

No encontro desenvolvido no Igape participaron ademais directivos da CEG, encabezados polo seu presidente, Antonio Dieter Moure, o secretario xeral do Clúster do Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, e directivos da Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago de Compostela e Comarca.

20 de setembro de 2016 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.