O Consorcio Casco Vello de Vigo aproba o programa de actuacións, investimentos e financiamento para o 2017
O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo, ven de celebrar esta semana a súa última reunión do Consello de Administración, onde se aprobou o Programa de Actuacións, Investimentos e Financiamento (PAIF) para o ano 2017.
A reunión, de carácter mensual e relativa ao mes de agosto, foi presidida polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luís Díez, e nela se deu conta do documento no que se propoñen as actuacións e investimentos para o vindeiro exercicio.
Entre elas, se propoñen as seguintes accións a realizar: continuar co programa de eliminación de pintadas ademais de continuar co proceso de rehabilitación de inmobles na parte alta do Casco Vello e tamén na zona do Berbés. Concretamente, forma parte da planificación a recuperación dos inmobles en Ferrería, 8, 10 e 45; Subida ao Castelo, 12; Subida á Costa, 5: Cruz Verde 8 e o inicio de rehabilitación dos edificios situados na Praza do Berbés, 5, 7 e 41. A inversión estimada para estas actuacións chega case aos 2,3 millóns de euros.
O PAIF aprobado na última reunión do Consello de Administración tamén deixa constancia dos ingresos do CCVV e aportacións extraordinarias das administracións que participan do organismo (90% Xunta-10% Concello) para o vindeiro exercicio calculando así uns ingresos totais que chegarán a superar os 3 millóns d e euros. Entre eles, as novas achegas do IGVS e do Concello se estima que sexan de 200.000 euros e 20.000 euros, respectivamente.
Coma contemplan os seus Estatutos, o fin esencial do Consorcio é levar a cabo, de acordo coas previsións do Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) do Casco Vello de Vigo, unha serie de actuacións e intervencións que contribúan ao proceso de recuperación da súa Área de Rehabilitación Integrada (ARI) mediante a adquisición de terreos ou mediante a adquisición de construcións para a súa posterior rehabilitación.











