O candidato do PSdeG á Xunta promete dotar ao HULA de hemodinámica 24 horas e radioterapia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Xoaquín Fernández Leiceaga, prometeu este martes que, de saír elixido, impulsará “con rapidez” o servizo de hemodinámica 24 horas en Lugo e dará “os pasos necesarios” para que “a famosa ‘ruta do cancro’, tan dolorosa para tantos cidadáns, sexa só un recordo do pasado”.

En declaracións aos medios tras participar nunha reunión sobre sanidade, o socialista defendeu a necesidade de ampliar o horario do servizo de hemodinámica no Hospital Lucus Augusti, que actualmente funciona de 8,00 a 15,00 horas.

Respecto diso, recriminou ao candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijíoo, que non cumpra “na súa integridade” a iniciativa lexislativa popular que pedía dotar ao hospital lucense deste servizo as 24 horas do día (e de radioterapia) para atender aos infartados da zona en lugar de trasladalos á Coruña.

En canto ao servizo de radioterapia, veciños de Lugo denunciaron en diversas ocasións que uns 1.200 enfermos de cancro da provincia ven obrigados a percorrer até 400 quilómetros para recibir o seu tratamento nun hospital da cidade herculina.

LISTAS DE ESPERA

Sen saír do ámbito sanitario, Leiceaga apostou por “reverter as privatizacións do PP” e por “atallar ese problema desbocado das listas de espera” que afecta a tantos galegos. Neste sentido, lembrou o seu compromiso de contratar a uns 1.500 profesionais da saúde ao longo dunha lexislatura.

Fronte a esta estratexia, o socialista resumiu en “parálise e recortes” os dous mandatos de Feijóo. “Cumpriu con Montoro e impuxo o rigor contable como guía de actuación cando o que interesa aos cidadáns é que se resolvan os seus problemas”, salientou, antes de tachar de “demoledor” o seu balance en materia social e sanitaria.

EMIGRANTES RETORNADOS

Un par de horas máis tarde, o candidato socialista reuniuse en Santiago con representantes de distintas asociacións de pensionistas retornados que existen en Galicia.

“Representan a Galicia que padece, que sofre, que ten problemas e que ten dificultades”, sinalou ante os xornalistas, antes de expresar a súa vontade de “atender e coidar” a estas persoas que “tiveron que traballar fóra durante moitos anos”.

É por iso que defendeu que os retornados conten na súa terra con “servizos sanitarios e residencias da terceira idade” para que poidan ter “un nivel e unha calidade de vida decentes”.

CAMPAÑA “CENTRADA EN GALICIA”

Finalmente, Leiceaga criticou que Feijóo estea “máis cómodo” de ruta polos “estudios das televisións” e nos medios de comunicación nacionais que falando dos “problemas que afectan os cidadáns de Galicia”.

“Nós queremos unha campaña centrada en Galicia, próxima aos cidadáns que teñen problemas”, remarcou, antes de facer fincapé en que o propósito do seu partido é “levar a Galicia á senda do progreso, o benestar e a inclusión social”.

6 de setembro de 2016 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.