publicidade hoxe

Medio Ambiente investirá 120.000 euros na construción de beirarrúas na contorna da Igrexa de San Pedro Tenorio en Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobade
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Cotobade

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Cotobade

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 120.000 euros nas obras de pavimentación e formación de beirarrúas na contorna da igrexa de San Pedro Tenorio, no Concello de Cotobade. Así se recolle no convenio que ratificaron hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Jorge Cubela.

A conselleira destacou que este tipo de actuacións nos equipamentos urbanos municipais dotan aos concellos duns espazos nos que poder poñer en marcha unha oferta de actividades de ocio, zonas recreativas, culturais e de lecer, co fin de mellorar a calidade vida dos seus cidadáns e do público en xeral.

Beatriz Mato trasladoulle ao alcalde que coa sinatura do convenio a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo xa pode iniciar a tramitación da licitación destas obras que permitirán poñer en valor esta zona.

Plan Hurbe

Esta actuación inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

1 de setembro de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.