Mar Pereira destaca a importancia da colaboración entre o sector TIC e a administración para facilitar a dixitalización do tecido empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Mar Pereira na apertura de Galicia TIC 2016. Foto: X. Crespo

Mar Pereira na apertura de Galicia TIC 2016. Foto: X. Crespo

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, sinalou hoxe durante a apertura de Galicia TIC 2016 que “a dixitalización do tecido empresarial galego é un reto inaprazable” e destacou o papel fundamental do sector tecnolóxico como elemento tractor e facilitador de este proceso.

Pereira lembrou que a Amtega vén colaborando estreitamente con sector TIC nos últimos anos no desenvolvemento das iniciativas recollidas nas Axendas Dixitais de Galicia, 2014.gal e ADG2020. No caso concreto da dixitalización empresarial, a Amtega está a desenvolver diferentes actuacións como o Programa Reacciona TIC, que en colaboración co Igape, ofrece un catálogo de servizos dixitais ás pemes co asesoramento de empresas TIC.

Proxectos TIC de referencia

A directora da Amtega sinalou que Galicia está hoxe en posición de poder afrontar os retos da transformación dixital tras o esforzo dos últimos anos para avanzar na converxencia con España e Europa na integración das TIC. Un esforzo, indicou, no que Galicia contou cunha Administración comprometida, que a situou entre as primeiras Comunidades en contar cunha estratexia tecnolóxica e coa capacidade dun sector tecnolóxico que conta con máis de 2.200 empresas e 14.000 profesionais.

Neste sentido, recalcou que os resultados dos proxectos e iniciativas de dixitalización da Administración, a Xustiza, a Educación postos en marcha nos últimos anos constitúen o mellor escaparate para sector tecnolóxico e contribúen a converter a Galicia nun polo tecnolóxico de referencia.

Finalmente, a responsable da estratexia tecnolóxica autonómica lembrou que o reto da Axenda Dixital de Galicia 2020 é consolidar a dixitalización de servizos públicos, empresas e sectores primarios con 14 plans xa en marcha. O principal obxectivo desta estratexia dixital é impulsar un crecemento, intelixente, sostible e integrador e cuxo orzamento previsto suporá que desde 2009 e ata 2020 Galicia terá investidos 3.000 millóns de euros entre capital público e privado na transformación dixital da Comunidade.

22 de setembro de 2016 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.