Máis de 2000 cativos de o a 3 anos incorpóranse en Ourense á rede de escolas infantís galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González Méndez, visitou esta mañá a escola infantil A Farixa, na cidade de Ourense, con motivo da xornada de portas abertas que se está a celebrar en practicamente todas as escolas infantís da Comunidade Galega ante o inicio do curso escolar.

Amparo González fixo un percorrido polas instalacións deste centro pertencente á Consellería de Política Social e no que se ofertan un total de 95 prazas, distribuídas nun grupo de 0 a 1 anos, 3 grupos de 1 a 2 anos, 2 grupos de 2 a 3 anos e un grupo de 0 a 3 anos a media xornada de tarde. Do total das prazas ofertadas catro delas están reservadas para casos de emerxencia.

A directora xeral lembrou que a provincia de Ourense conta cun total de 25 escolas infantís de titularidade autonómica, 22 delas integradas no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e 3 pertencentes á Axencia Galega de Servizos Sociais, o que fan un total de 1.149 prazas da Rede Galiña Azul. A elas haberá que sumar as case mil prazas sostidas con fondos públicos e que tal e como explicou González Méndez, se desglosan do seguinte xeito: 58 prazas concertadas, 43 de iniciativa social, así como aquelas sostidas a través do Bono Concilia (323) e as municipais (525).

Galicia suma máis de 22.300 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís tal e como lembraba esta mañá o conselleiro de Política Social, o que supón unha taxa de cobertura superior ao 37% (4 puntos por riba do limiar que marca a Unión Europea). Do total de prazas ofertadas na Comunidade Galega, 2.164 se corresponden coas prazas das 26 escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais e 7.452 coas prazas dos centros do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Esto fai un total de 9.616 prazas ofertadas pola Consellería de Política Social nos centros de titularidade propia. No que respecta aos datos de matrícula, a día de hoxe están matriculados 7.922 nenos dos que 2.001 o fan en escolas da Axencia e 5.921 nas do Consorcio. Datos que mudarán co paso dos días xa que a eles se sumarán os ingresos en prazas de emerxencia social, e as solicitudes do prazo extraordinario de setembro, así como aqueles que teñan nacido fóra do período ordinario de matriculación.

5 de setembro de 2016 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.