publicidade hoxe

Innovación e internacionalización son claves para consolidar a competitividade do sector forestal galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde no encontro de traballo na Laracha. Foto: M. Fuentes

Francisco Conde no encontro de traballo na Laracha. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe na Laracha un encontro de traballo co Clúster da Madeira e o Deseño no que animou ás empresas do sector a seguir a desenvolver accións que promovan a innovación dos seus procesos produtivos e a súa internacionalización, dous factores que, segundo indicou, contribuirán a consolidar a Industria 4.0 e, polo tanto, a competitividade das factorías, ao tempo que facilitan a xeración de postos de traballo de calidade.

Conde destacou que as empresas galegas dedicadas á madeira son un referente non só en España, onde lideran o mercado, senón tamén a nivel europeo, sobre todo en canto a procesos de produción, deseño e innovación no eido da carpintería e do moble. Así, Galicia conta con 3.000 empresas relacionadas co forestal, xerando o 3,5% do PIB galego e máis de 70.000 postos de traballo. Ademais, este sector é unha peza fundamental no desenvolvemento do sector primario na comunidade e na produción e uso da biomasa como fonte de enerxía autóctona, limpa e renovable.

O Clúster da Madeira representa a preto de 40 empresas e facturou o ano pasado 165 millóns de euros, un 10% máis que en 2014. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria afirmou que a Xunta manterá a súa colaboración con este sector estratéxico para Galicia e co Clúster da Madeira, do que subliñou que conta coa distinción Gold Label, o máximo recoñecemento que fai a Unión Europea aos clusters.

Neste sentido, Conde sinalou que este título demostra o nivel de excelencia do sector forestal galego e recordou que Galicia dispón de dous clústers con este recoñecemento, pois ao da Madeira súmase o da Automoción (Ceaga), o que converte a Galicia na primeira comunidade con dúas entidades con este prestixioso título. Este tipo de distincións tamén favorece a internacionalización das empresas galegas ao contar con novas oportunidades de negocio e poder ter presenza en novos mercados.

5 de setembro de 2016 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.