publicidade hoxe

Fabricación de prototipos, servizos tecnolóxicos ou turismo centran os proxectos do coworking de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A fabricación de prototipos PCB (circuítos impresos), a prestación de servizos tecnolóxicos para control de drons ou para instalación de fibra óptica ou para o comercio electrónico centran algúns dos proxectos emprendedores seleccionados para o coworking de Ferrol, que recibiu esta mañá a visita do director xeral do Igape.

Javier Aguilera participou esta mañá nun encontro formativo cos 26 promotores dos proxectos seleccionados neste espazo coworking activado na sede do CIS Galicia, que prevén impulsar 22 proxectos empresariais tamén relacionados con outras actividades económicas como turismo, ou os servizos médicos, culturais ou formativos.

Os promotores dos proxectos seleccionados disporán, ao amparo da colaboración entre a Xunta, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI de servizos á medida das súas necesidades formativas para desenvolver as súas ideas de negocio e acelerar a posta en marcha das súas empresas e a súa posterior consolidación.

No proxecto de colaboración Igape-EOI para aceleración de proxectos empresariais poderán participar en total, durante os dous próximos anos, arredor de 1.500 persoas con vocación emprendedora en toda Galicia, nas seis aceleradoras de emprendemento que veñen de activarse nas localidades de Ferrol, Cabana de Bergantiños, Monforte, Mondoñedo, Celonova e Xinzo.

En cada unha destas sedes haberá 4 edicións sucesivas que durarán 5 meses cada unha e que poderán acoller, en cada caso, entre un e tres emprendedores por cada un dos proxectos previamente seleccionados para cada edición, que serán un máximo de 22.

Préstamos para investimentos

Por outra banda, o director xeral do Igape participou esta mañá nunha xornada técnica para informar sobre as peculiaridades da nova liña con préstamos, desde 49.000 euros, para financiar investimentos a partir de 70.000 euros. Os prazos de amortización serán de ata 11 anos, incluíndo un de carencia.

No encontro desenvolvido no edificio administrativo da Xunta en Ferrol, Aguilera destacou que, xunto coa viabilidade dos proxectos, valorarase o seu carácter industrial, sobre todo se prevé actuacións innovadoras relacionadas coa Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e coa Estratexia de Especialización Intelixente RIS3. As pemes poderán financiar tanto a creación de novas instalacións produtivas en Galicia como actuacións de diversificación ou mellora substancial nos procesos industriais xa en marcha.

As bases reguladoras desta nova liña de préstamos publicáronse no DOG o pasado 9 de setembro. Os xuros dos préstamos serán fixos e determinaranse sumándolle ao euríbor vixente un diferencial que dependerá da contía da operación e das garantías incorporadas. Para os tramos do préstamo garantidos mediante aval bancario ou dunha Sociedade de Garantía Recíproca (SGR), este diferencial será do 0,10%.

22 de setembro de 2016 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.