publicidade hoxe

Espazos Sonoros dálle a benvida ao outono cun concerto de música antiga de La Xácara

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonterrei
A-
A+

A programación de Espazos Sonoros regresa esta fin de semana cun concerto de música antiga a cargo de La Xácara, que actuará o sábado 24 sábado, ás 19:00 horas, nun escenario de especial valor patrimonial como é o castelo de Monterrei. Esta é a proposta coa que o festival promovido pola Secretaría Xeral de Cultura lle dá a benvida ao outono, da man de experimentados músicos galegos que farán viaxar o público a través da música vocal e instrumental do Barroco co programa ‘Folías galegas’.

Para amosar a riqueza e diversidade das músicas do ‘Seicento’ e ‘Setecento’, o repertorio incluirá desde arias de ópera e cantatas ata cancións e danzas populares como diferenzas, chaconas e folías, entre as que Julia Cea (canto), Víctor Illán (guitarra barroca), Valentín Novio (tiorba e guitarra barroca), Ramón Pérez-Sindín (cravo) e Pablo Ruibal (viola de gamba) interpretarán as coñecidas ‘Folías gallegas’, de Santiago de Murcia, recollidas no Códex Saldívar.

Previamente ao concerto, ás 16:30 horas, o festival dirixido por Belén Bermejo ofrece unha visita guiada ao castelo de Monterrei –para a que non é precisa inscrición–, co fin de descubrir este enclave estratéxico de orixe medieval, un dos recintos fortificados máis importantes de Galicia e defensa fronteiriza con Portugal.

Obradoiro de achegamento á música antiga en Lalín

A programación de outubro de Espazos Sonoros comezará cun obradoiro de achegamento á música antiga, que terá lugar no pazo de Liñares, en Lalín, o día 1, a partir das 17:00 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata o 28 de setembro a través do enderezo electrónico actividades@espazossonoros.org.

Ademais de viaxar polas artes plásticas para rescatar os sons ocultos nas representacións iconográficas de escenas musicais, as persoas participantes no obradoiro terán ocasión, previamente ao inicio da sesión, de realizar unha visita guiada polo pazo de Liñares, un dos mellores expoñentes do que foi a arquitectura palaciana galega.

Música en espazos patrimoniais

Desde o pasado 3 de setembro e ata o 18 de outubro, Espazos Sonoros 2016 propón un achegamento a diferentes edificacións históricas dos concellos de Vimianzo, de Ribadavia, da Guarda, de Pedrafita do Cebreiro, de Lalín, de Monterrei, de Bergondo, de Palas de Rei, da Coruña e de Baiona a través dunha programación que inclúe nove concertos e actividades como camiñadas, visitas guiadas e obradoiros de música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.

A igrexa de San Salvador de Vilar de Donas, en Palas de Rei; o castelo de Santa Cruz, na Guarda; o pazo de Liñares, en Lalín; Santa María a Real do Cebreiro e o castelo de Monterrei son algúns dos espazos patrimoniais, civís e relixiosos que se converten este ano en escenario de Espazos Sonoros para escoitar agrupacións galegas e internacionais de estilos e procedencias diversas, como o Ensemble Gilles Binchois, La Xácara, La Compagna, Solo Voces e o organista Adrián Regueiro ou a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra para piano de Rosa García Ascot e Xesús Bal y Gay.

Concertos de balde e actividades con inscrición previa

A programación completa da novena edición de Espazos Sonoros pode consultarse en www.espazossonoros.org e en www.cultura.gal/axenda. Todos os concertos do festival son de balde e a entrada é libre ata completar a capacidade. No caso das actividades, as que contan con prazas limitadas requiren inscrición previa nas datas establecidas.

22 de setembro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.