Deteñen a un veciño de Vigo por intentar agredir e ameazar de morte á súa parella
Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, D.F.C., de 35 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir e ameazar de morte á súa parella.
Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na noite do luns, cando o 092 recibiu un aviso para acudir a un domicilio da rúa Tomás Alonso, onde se estaba a producir unha discusión entre unha parella, e onde un home estaba a golpear a porta dunha vivenda.
Cando chegou a dotación policial, atopouse con este varón proferindo berros dende un relanzo, e relatoulles que acababa de ter unha discusión coa súa parella, coa que non convive. Así mesmo, a muller confirmou a outros axentes que se producira esta rifa, no transcurso da cal, este home ameazouna de morte e intentou darlle un manotazo, polo que o botou do domicilio.
Os policías puideron comprobar que o interior dun dos dormitorios do domicilio estaba revolvido e con cristais rotos esparexidos polo chan. Por estes feitos, procedeuse á detención do home.











