Crecente acolle a fase final da Copa Galicia Masculina do 2 ao 3 de setembro
Crecente acolle maña e pasado a fase final da Copa Galicia de Balonmán Masculino 2016 coa participación de Frigoríficos do Morrazo, AD Xiria, Cisne e Teucro. A final será retransmitida en directo pola TVG2 (sábado 3, 19:00 horas).
Na primeira semifinal enfrontaranse o Teucro e o BM Cisne a partir das 19:00 horas no Pavillón de Crecente. Para chegar a esta cita, o Teucro eliminou onte ao Acanor Novás (20-29), mentres que o Cisne venceu ao BM Chapela (23-29). Esta semifinal será arbitrada por Pablo Álvarez e Ángel Mateos.
Na segunda semifinal (20:45) xogarán o actual campión da Copa, o Frigoríficos do Morrazo, contra o AD Xiria. O Cangas, único equipo galego en Asobal, sufriu nos cuartos de final contra o Embutidos Lalinense, ao que superou por un gol de vantaxe (23-24), así que enfronta a fase final sen confianza algunha despois do susto inicial. Pola súa banda, o AD Xiria logrou o pase tras gañar nos cuartos ao Academia Octavio de Vigo (29-23). Os colexiados deste choque serán Elena Rivas e Lucas Crespo.
A xornada do sábado comezará coa disputa do partido polo terceiro e cuarto posto, que comezará ás 17:00 horas, mentres que a final terá lugar ás 19:00 horas e será retransmitida en directo pola TVG2.
Nesta edición da Copa Galicia participaron un total de 19 equipos galegos dos cales 1 disputa a liga Asobal, 2 pertencen á División de Honra Prata e 16 de Primeira Estatal. A competición, previa ao inicio da Liga regular, celebrouse en tres xornadas antes de chegar a esta fase final en Crecente. A final da Copa Galicia disputarase o sábado 3 de setembro (19:00 horas) e será retransmitida pola TVG.
2015. O BM Cangas Frigoríficos do Morrazo defende o título que logrou o pasado ano en Viveiro onde se proclamou campión da Copa Galicia 2015, tras gañar ao Teucro por 28-30 (ao descanso, 14-14)