Conde reúnese cunha delegación de empresarios chinos que avalían proxectos na comunidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+
Francisco Conde na reunión coa delegación chinesa

Francisco Conde na reunión coa delegación chinesa

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo unha entrevista de traballo cunha delegación de empresarios chinos que estes días está a visitar Galicia para avaliar novos proxectos na comunidade. Neste sentido, a Xunta destaca a importancia de establecer sinerxías positivas e impulsar iniciativas que permitan ao tecido empresarial galego abrir novas oportunidades de negocio en mercados estranxeiros, como o asiático, ao tempo que se tenden pontes de colaboración que impulsen as relacións económicas e culturais entre Galicia e A China.

Conde avogou por este tipo de encontros que apostan pola colaboración para desenvolver iniciativas que contribúan á xeración de riqueza e á creación de postos de traballo. Neste sentido, durante a reunión, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria mostrou á delegación china -composta por representantes de eidos estratéxicos para a economía galega- a predisposición da Xunta para buscar elementos comúns de colaboración que beneficien a ambas partes. De feito, A China ocupa o primeiro posto entre os países de destino dos produtos galegos nos mercados asiáticos.

O conselleiro lembrou que a etapa de crecemento económico que atravesa Galicia está a permitir a consolidación do comercio exterior galego, que no primeiro semestre deste ano obtivo un saldo positivo de máis de 1.950 millóns de euros, case un 24% máis que no mesmo período de 2015. Neste sentido, destaca o volume de exportacións que se produciu na comunidade galega entre xaneiro e xuño de 2016, con preto de 9.700 millóns de euros e un incremento de 5,5%.

1 de setembro de 2016 | 13:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.