Conde anima aos comerciantes a reinventarse e beneficiarse das novas tecnoloxías e dun produto diferenciado

Francisco Conde no encontro con comerciantes. Foto: C. Paz
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago, na Cidade da Cultura, nun encontro con comerciantes galegos, no que agradeceu a súa implicación para manter unha liña de colaboración permanente coa Xunta coa que avanzar na aposta polo comercio intelixente para ser máis competitivos, o que contribúe a seguir consolidando a un sector que representa unha das máis importantes fontes de creación de riqueza e de xeración de emprego na comunidade galega.
Conde sinalou que o obxectivo é continuar o camiño xa emprendido e no que tanto os comerciantes como os clientes se atopan no epicentro da estratexia. Neste sentido, animou ao sector a “reinventarse e dar resposta ás necesidades” dos consumidores a través dun produto diferenciado e de calidade, “aproveitando as novas tecnoloxías” para impulsar a venda por internet e a aposta polo comercio intelixente.
Neste sentido, o conselleiro puxo como exemplo aos comercios Chic fashion&co (Lugo), Noroeste Obradoiro e Quenlla (Santiago), Lily&White (A Coruña) e Estudo Logaro (Ourense), que compartiron durante esta xornada a súa experiencia en smart commerce, así como a importancia que supuxo para o seu negocio a aplicación das novas tecnoloxías. Conde destacou a aposta deste cinco establecementos pola creatividade e a innovación para marcar a diferenza e axustarse en cada momento aos gustos e ás necesidades dos clientes sen perder as raíces que fan do comercio de proximidade galego un referente de profesionalidade e de atención ao cliente.
O conselleiro indicou que o número de internautas galegos que aproveitan a Rede para facer compras se duplicou nos últimos anos. Ademais, esta tendencia está chamada a seguir crecendo na comunidade, pois máis do 70% dos fogares con acceso a internet conta con banda larga e, no último ano, o número de pemes con conexión a internet que dispoñen de páxina web aumentaron un 20%, situando a Galicia na cuarta comunidade autónoma con máis microempresas con presenza na rede.
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria tamén animou aos comerciantes a aproveitar as oportunidades que representan as novas tecnoloxías, así como a ser partícipes da páxina web da Xunta coa que precisamente se impulsa o comercio intelixente: www.smartcommerce.gal.
Con esta plataforma preténdese unir, dar visibilidade e colaborar cos comerciantes que melloraron a competitividade dos seus establecementos a través de solucións innovadoras e da utilización de internet no día a día do seu negocio, creando así novas canles de venda máis próximas ao cliente.
As vendas na comunidade medraron un 4,5% o ano pasado, por riba da media estatal, sendo a cuarta comunidade cun maior incremento, unha tendencia que se repite no que vai de 2016 cunha suba do 4,3%.











