Cecilia Vázquez visita os participantes do proxecto Re-Cre-Arte no Lecer, da Asociación Down Compostela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Cecilia Vázquez na visita á sede Down Compostela. Foto: C. Paz

Cecilia Vázquez na visita á sede Down Compostela. Foto: C. Paz

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, se desprazou esta mañá á sede de Down Compostela para participar nunha das propostas do proxecto Re-Cre-Arte no Lecer. Unha actividade impulsada no marco do programa Iniciativa Xove, da Consellería de Política Social, na que un grupo de mozos e mozas con síndrome de Down e Discapacidade intelectual teñen a oportunidade de desenvolver a súa capacidade creativa a través da pintura e do teatro.

Así as cousas, Cecilia Vázquez explicaba que o obxectivo desta proposta é fomentar nestes rapaces e rapazas “o desenvolvemento de habilidades sociais, a autonomía e a independencia para a xestión, disfrute e participación activa en acción culturais e de lecer”. Nesta liña, a directora xeral lembraba que o programa “Iniciativa Xove está concibido como un instrumento para que a mocidade poida demostrar a súa capacidade para organizar, emprender e impulsar actividades dirixidas á xuventude, ao tempo que se fomenta a súa participación, se estimula o talento xuvenil e permite poñer en práctica as súas ideas”.

“En Iniciativa Xove non lles dicimos aos mozos e mozas o que teñen que facer – subliñaba Cecilia Vázquez – senón que lles pedimos propostas para despois apoialas, tratando de que a burocracia ceda o protagonismo á xuventude”. E, ao fío, a directora xeral lembrou o estudo da Universidade de Santiago sobre “Os programas de Educación non formal e a empregabilidade da Xuventude en Galicia”, que foi presentando este mesmo ano e que analizou cientificamente varios programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre eles Iniciativa Xove.

Este ano un total de 122 entidades xuvenís e grupos informais de mozos e mozas se benefician do programa Iniciativa Xove. Dos proxectos financiados con este programa, 68 corresponden a asociacións xuvenís e 54 a grupos informais de mozas e mozos. Iniciativa Xove financia o cento por cen dos proxectos de interese cun orzamento máximo de 5.000 euros. Así mesmo, todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o soliciten, reciben un anticipo do 80 % sobre o total da cantidade concedida. Unha vez finalizados os proxectos, os participantes poderán obter un certificado oficial de experiencias de educación non formal en materia de xuventude, como instrumento que permitirá confirmar a participación neste programa e sobre todo valorar as competencias adquiridas.

20 de setembro de 2016 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.