Carmela Silva fai un chamamento ás administracións para a posta en marcha de proxectos que atendan con calidade ás persoas afectadas polo alzhéimer
A Deputación de Pontevedra leva amosando dende as 0:00 horas do día de hoxe a súa solidariedade polo Día Mundial do Alzhéimer, que se está a celebrar hoxe 21 de setembro. Faino, en primeiro lugar, tinguindo a fachada do edificio do Pazo provincial de cor violeta: esta iluminación especial comezou onte pola noite, coincidindo co arranque da efeméride, e levarase a cabo de novo esta noite.
A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, asegurou que “hoxe ten que ser un día para facer un chamamento a todas as Administracións tanto a nivel europeo como español e o conxunto das Comunidades Autónomas, e particularmente á Xunta de Galicia, para que se faga fronte con recursos suficientes en canto a investigación e atención de calidade a todas as persoas que padecen o alzhéimer”. Asegurou ademais a Presidenta que “son a Unión Europea, o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia quen teñen competencias para loitar contra unha situación que padece unha porcentaxe amplísima da sociedade”. Silva engadiu a este respecto que dende a Deputación de Pontevedra “quero que se escoite a nosa voz para que sexan esas Administracións competentes as que formulen e poñan en marcha proxectos, con recursos suficientes, repito, para que esas persoas sexan atendidas coa dignidade que merecen”.
Ademais, esta mañá as deputadas de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, e de Deportes, Chelo Besada, estiveron na mesa que instalou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Pontevedra (AFAGA) na céntrica praza pontevedresa da Peregrina, na esquina coa rúa Oliva.
A través das mencionadas iniciativas, a Deputación de Pontevedra amosa a súa solidariedade cunha doenza que afecta a un número importante de persoas na provincia. “Na provincia de Pontevedra, estamos a falamos de decenas de miles de persoas afectadas”, lembrou a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, durante a súa visita á mesa informativa de AFAGA, e apuntou que “en Galicia sofren algún tipo de demencia arredor de 100.000”.
O alzhéimer é a máis común das doenzas neurodexenerativas, representando un 70% de todos os casos. Galicia é unha das rexións máis afectadas polo alzhéimer de toda a Unión Europea por mor do alto índice de envellecemento da súa poboación, feito que a AFAGA sinala ao alertar de que se prevé un incremento da súa incidencia en Galicia xa que, de feito, a idade é o maior factor de risco á hora de padecelo.











