Carmela Silva entrega os diplomas dos cursos de alfabetización de radio Ecca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Carmela Silva na entrega de diplomas

Carmela Silva na entrega de diplomas

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, entregou hoxe en Vigo unha vintena de diplomas do curso de alfabetización de adultos que ao longo dos dous últimos meses ofreceu Radio Ecca nas instalacións da institución provincial.

Carmela Silva salientou que a pesares de ter hoxe unha axenda apretada non quería perder a oportunidade de compartir con todas e todos os alumnos este día de ledicia por rematar os seus estudos. “Estou fondamente orgullosa de todos e todas vos polo esforzo feito e, sobre de todo, polo interese que tivedes por continuar ao longo do verán os vosos estudos”, subliñou Silva.

A presidenta da Deputación, fondamente emocionada, recordou a súa etapa como educadora e salientou que persoas con 40 anos teñan tanto interese en ter os coñecementos básicos de lectura, escritura e matemáticas. Os propios alumnos e alumnas comentáronlle á Presidenta as súas motivacións para seguir estudando como poder entender a correspondencia ou que non os enganen cos contas do diñeiro.

Carmela Silva subliñou que cando Radio Ecca planteoulle a necesidade de axudas para manter o curso de alfabetización, a pesares dos problemas burocráticos, “non o dubidei un momento. Non so porque era a nosa obriga senón tamén porque era o voso dereito”. “Os políticos e políticas somos os administradores do diñeiro de todos e todas vos e estas iniciativas teñen que estar na prioridade de calquera que se adique a xestión pública”.

Por último, a presidenta da Deputación agradeceu a labor de Radio Ecca “polo coraxe, esforzo e compromiso que tendes por acadar un mundo mellor e cheo de oportunidades para todos e todas” e animoulles a seguir perseverando na alfabetización de adultos “onde sempre atoparedes a Carmela Silva e a Deputación de Pontevedra ao voso carón”.

1 de setembro de 2016 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.